Condenan á Xunta a pagar 45.000€ a un profesor interino cesado por non superar a oposición

O fallo argumenta que a lei para a redución da temporalidade no emprego público recoñécelle o dereito a esta indemnización.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 08/11/2024 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

O maxistrado do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra emitiu unha sentenza pioneira en Galicia na que condena á Xunta a pagar unha compensación económica de 44.713 euros a un docente polo seu cesamento como persoal interino, posto que desempeñou durante 30 anos, tras non superar as probas dun procedemento de estabilización convocado pola Administración autonómica.

Na sentenza, difundida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), indícase que se considera acreditado que o demandante prestou servizos docentes para a Consellería de Educación, de maneira ininterrompida, mediante unha serie de nomeamentos concatenados de persoal funcionario temporal, ata que foi cesado, o 31 de agosto de 2023, por non conseguir a praza.

O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra explica no fallo que o artigo 2.6 da Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, recoñécelle o dereito a percibir a compensación que reclama, equivalente ás retribucións fixas de 20 días por ano de servizo, ata un máximo de 12 mensualidades.

O maxistrado afirma que, aínda que o cesamento do docente "produciuse en legal forma, que transcorrido un ano volveu ser nomeado interinamente pola Xunta para un curso completo (2024-2025) e que moi dificilmente podería obter unha indemnización pola excesiva prolongación dos seus nomeamentos interinos mediante a canle da responsabilidade patrimonial (artigo 32 Lei 40/2015)", o artigo 2.6 da Lei 20/2021, de 28 de decembro, "recoñécelle ese dereito económico de maneira clara e indubitada".

CABE RECURSO DE APELACIÓN

O xuíz engade que dita lei "é de obrigada aplicación, tanto polas Administracións Públicas concernidas como polos órganos xurisdicionais que supervisan a súa actuación". A sentenza non é firme, pois contra ela cabe interpor recurso de apelación.

Protesta do profesorado interino
Protesta do profesorado interino | Fonte: profesorprecario.wordpress.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta