A Xunta dá vía libre a un gran paque eólico ao pé da cidade de Pontevedra

Afecta tamén aos concellos de Poio, Meis e Barro. Hai aves vulnerables e petróglifos que poden estar afectados.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 11/11/2024 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

A Xunta concedeu a autorización ambiental ao parque eólico Castrove, situado no monte de mesmo nome na cabeceira da ría de Pontevedra, cunha extensión que abarca aos concellos de Poio, Pontevedra, Meis e Barro. Un proxecto que provocou diferentes mobilizacións veciñais nos últimos tempos, ademais do rexeitamento de varios municipios da zona.

Segundo o expediente que acaba de publicar a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, esta obra será "ambientalmente viable" sempre que se cumpran diferentes condicionantes que se establecen. O parque, impulsado pola sociedade Parque Eólico Cadaval e Ventoso, será de 24 megawatts e reduciu de catro a tres o seu número de muíños para rebaixar impactos. Suporá a apertura de máis de 2 quilómetros de viarios para a construción e a escavación de máis de tres quilómetros para o soterramento de cableado, ademais da instalación dunha subestación.

O informe recolle que o proxecto eólico --que recibiu máis de 600 alegacións-- atópase nunha zona con "moi alta exposición visual", xa que Castrove, na cabeceira da ría de Pontevedra "é unha referencia visual permanente" nunha contorna cunha poboación afectada de máis de 200.000 persoas. Os seus asentamentos máis próximos están a un quilómetro, Río Mouro e A Escusa, aínda que a poucos quilómetros está a propia cidade de Pontevedra ou Combarro, lugar de interese histórico artístico.

O feito é que este expediente detecta que na contorna do proxecto atópanse diferentes petróglifos, especies en perigo de extinción e hábitats de interese comunitario e prioritario, ademais dunha afección visual para os Bens de Interese Cultural como os mosteiros de Poio e Armenteira, "agravados pola presenza doutros parques eólicos en funcionamento". No entanto, a Xunta conclúe que as medidas correctoras e de control a realizar fan viable ambientalmente o parque eólico.

Entre outros informes de diferentes departamentos da Administración galega, obsérvase que "no que respecta á posible localización do petróglifo Monte Castrove (declarado BIC nos anos setenta), a consulta das publicacións que o deron a coñecer no pasado indicaría que este se situaría nas estribaciones do monte Castrove, e cara ao emprazamento do mosteiro de Armenteira, non no pico do monte".

Ademais, o Goberno galego establece actuacións como "completar o máis rápido posible" traballos pendentes de documentación de afloramentos rochosos afectados, un control arqueolóxico sobre posibles aparacións de bens, así como medidas correctoras para paliar a visibilidade desde o mosteiro de Poio.

COLISIÓNS DE PAXAROS

Especial atención préstase á tartaraña cincenta (aguilucho cenizo ou circus pygargus"), ave na categoría de vulnerable entre as especies ameazadas, polo cal se debe realizar un traballo previo da súa posible presenza.

Mapa de emprazamento do parque eólico Castrove. XUNTA
Mapa de emprazamento do parque eólico Castrove. XUNTA | Fonte: Europa Press


Ademais, a Xunta fixa que se deben implementar tecnoloxías para reducir o impacto de colisións de aves e mitigar a mortalidade mediante sons de alerta ou a parada de turbinas, xunto á medida disuasoria do pintado das aspas.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta