(Vídeo) 'O Canal', o desvío do río Sar que custou 1.000 millóns de pesetas para rematar coas inundacións en Padrón

Hoxe lembramos o tempo no que o río Sar non só anegaba o casco urbano de Padrón, senón tamén as terras da veiga do seu termo municipal e do de Rois, como aconteceu nas inundacións catastróficas dos anos 1977, 1978, 1987 e 1989. A máis grande que se recorda foi, sen dúbidas, a de 1987, cando as barcas podían cruzar navegando polas rúas do casco histórico da vila.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/11/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os veciños máis anciáns da vila de Padrón aínda lembran cando o leito do río Sar desbordaba ano si e ano tamén, causando importantes estragos cada catro ou cinco anos, cunha cadencia incesante. As enchentes e inundacións que sempre se experimentaron en Galicia tras longos períodos de choivas incesantes, supuxeron durante moitos anos unha auténtica quebradura de cabeza para esta pequena vila coruñesa e as súas xentes. Dende o Galicia Confidencial contactamos con Manuel Emilio Aristóteles Beiró Martínez, máis coñecido como Masito Beiró, xornalista xubilado e pintor da vila que cubriu estes acontecementos ao longo de toda a súa vida profesional dun xeito maxistral para diversos xornais e axencias de comunicación. Como el mesmo asegura, estas historias permanecen vivas grazas aos Libros de Pascua que cada ano recopilan durante as festas grandes de Padrón os acontecementos máis importantes e o patrimonio da vila, non permitindo que caian no esquecemento. Masito remítenos ao libro do ano 2006, no que a xornalista Silvia Sánchez Rial, publicou un artigo titulado 'Las inundaciones, una visión sinóptica', que resume moi ben a convivencia histórica destes veciños cos desbordamentos, alo menos ata que se lles puxo remedio no ano 1995.

Desvío do río Sar en Padrón
Desvío do río Sar en Padrón | Fonte: Commons

O primeiro punto que trata a xornalista baséase na diferenciación que debe facerse entre inundación e enchente, termos non en poucas ocasións usados indistintamente, pero que non significan o mesmo. Unha enchente non ten por que provocar danos, pero unha inundación si que os provoca. Esa sería a diferenza máis evidente entre enchente e inundación, pero tamén existen outras. Unha enchente é unha elevación do nivel da auga en relación ao seu comportamento hidrolóxico normal, mentres que unha inundación prodúcese cando o leito do río rebasa o leito maior. Así as cousas, é importante puntualizar que non todas as enchentes provocan inundacións. Aínda que, no caso da vila de Padrón, si se deron ambos fenómenos repetidamente ao longo da súa historia. A enchente do caudal dos ríos Sar e Ulla, unida á escasa evacuación do Sar, provocou no pasado graves inundacións, durante as que se estendeu a auga por toda a chaira de inundación, anegando toda a vila e os seus arredores.

Aínda que a nivel galego foi relativamente frecuente que houbese inundacións de vilas durante os invernos, a zona de Padrón foi sempre afectada con maior frecuencia. Os ríos Sar e Ulla constitúen na súa confluencia unha chaira de inundación que ascende polo val do Sar, sobrepasando o núcleo urbano de Padrón. Polo tanto, o Sar non só anegaba o casco urbano de Padrón, senón tamén as terras da veiga do seu termo municipal e do de Rois, como aconteceu nas inundacións catastróficas dos anos 1977, 1978, 1987 e 1989. A máis grande que se recorda foi, sen dúbidas, a de 1987, cando practicamente toda a comarca do Sar quedou anegada polas augas do río. A impresionante riada fixo que as rúas do casco urbano de Padrón fosen navegables en barca. Ademais, non só a área urbana se viu afectada, senón tamén as zonas rurais dos seus arredores, como A Meana no termo municipal de Rois, Pazos, A Travanca e, en xeral, toda a comarca do Sar. A isto sumouse a sobresaturación do encoro do Tambre, que puxo en alerta a 2.000 persoas na área de Noia.

Neste caso, ao desbordamento do Sar viñéronse sumar os desbordamentos do río Umia, Tambre e Avia, o que obrigou a tomar medidas urxentes para evacuar as zonas anegadas. Segundo puido averiguar Sabela nas súas pesquisas, os xornais da época deixan constancia de que o caso máis grave foi o de Padrón, onde centos de familias sufriron a perda de gran parte do seu patrimonio. Tamén se realizaron evacuacións en Caldas de Reis e na comarca de Noia. En xeral, as inundacións acontecidas nese ano produciron consecuencias en toda Galicia, aínda que de menor calado: corte de estradas, incomunicación, corte de teléfono... Ao ser Galicia unha comunidade caracterizada pola gran cantidade de ríos que ten, cando hai un temporal de choiva, estes aumentan de caudal, o que, xunto a outros factores, provoca o desbordamento de varios ríos, non só dun. As inundacións de 1978 son un bo exemplo, pois non só provocaron o desbordamento do Sar e o Ulla, senón que o Umia, ao seu paso por Caldas de Reis, tamén desbordou, provocando numerosos accidentes. Esta situación volveuse repetir no ano 1987, cando quedaron incomunicados varios concellos ao longo de toda Galicia. 

ANÁLISE METICULOSA PARA VER QUE FACTORES INFLUÍAN NAS ENCHENTES

Efectos do furacán Hortensia en Padrón no ano 1987
Efectos do furacán Hortensia en Padrón no ano 1987 | Fonte: Arquivo histórico Faro de Vigo

Tras estes acontecementos, quedou patente a necesidade de buscar unha solución que pasaba por implantar diversas medidas de contención e prevención. Como recolle a xornalista no seu artigo, o estudo dos riscos climáticos convertiuse nunha cuestión pluridisciplinar que facía que enxeñeiros, arquitectos, xeólogos, xeógrafos, economista, sociólogos e moitos outros profesionais, traballasen xuntos por un obxectivo común. Máis en concreto, para o estudo das inundacións na área de Padrón partiuse de tres hipóteses de traballo: que a reducida capacidade de evacuación do Sar sumada á dificultade que presentaban os caudais para o seu desaugue polo efectos das mareas e enchentes do Ulla foron as causantes de que se agravase a problemática das inundacións na vila; que existe unha clara relación entre tipos de tempo e as inundacións; e que as consecuencias socioeconómicas dos episodios de inundación son o resultado da peculiar ocupación do territorio polo ser humano.

Realizando detalladamente o estudo, demostrouse que as inundacións que afectaron a Padrón efectivamente estaban moi relacionadas cos tipos de tempo. Para iso, foi preciso analizar os mapas de tempo dos días anteriores aos episodios de inundación e establecéronse tres períodos de inundación para este estudo: 1977, 1978, 1987 e 1989. As inundacións dos días 9, 10, 11 e 12 de febreiro de 1977 estiveron precedidas por un claro dispositivo zonal, un estenso faz de isohipsas seguindo a dirección dos paralelos. Ao mesmo tempo, no mapa en superficie do día 9 observáronse tres borrascas, dúas sobre o atlántico norte e outra nas proximidades de Noruega cuxo radio de acción afectou de súpeto ao territorio galego. Así, os datos do Boletín Meteorolóxico Diario do día 8 de febreiro rexistraron intensas choivas. En concreto, estes datos indican que se recolleron 70 litros por metro cadrado en Pontevedra; 58 en Santiago; e 44 en Vigo. As precipitacións seguiron sendo intensas ao longo das 24 horas seguintes, destacando os 102 litros por metro cadrado recollidos en Santiago; os 56 en Vigo; e os 34 en Lugo. O forte aporte pluviométrico dos días anteriores á inundación, provocou o desbordamento dos ríos Sar e Ulla na súa confluencia.

Pola súa banda, as inundacións dos días 28, 29 e 31 de decembro de 1978 demostraron partir do mesmo efecto. Neste episodio habería que distinguir entre tres inundacións diferentes producidas en cada un dos días. Os mapas de tempo indican que a situación foi practicamente igual. O mapa en altura do día 27 amosa un estenso faz de isohipsas, seguindo máis ou menos a dirección dos paralelos. En superficie existe unha borrasca situada ao noroeste da península, polo que o seu radio de acción roza o litoral galego. Como consecuencia, durante os días 26 e 27 houbo en Galicia precipitacións intensas que chegaron a alcanzar os 68 litros por metro cadrado en Santiago. Os episodios de inundación que sufriu Galicia tanto no ano 1977 como no 1978 estiveron así precedidos de intensas choivas, o que demostra que en ambos casos as inundacións se deberon a unha acumulación de agua no leito que, xunto ao efecto das mareas, produciu o desbordamento.

Nas inundacións dos días 15, 16 e 17 de outubro de 1987 a cousa foi algo diferente. O mapa en altura do día 14 amosa unha circulación máis ou menos zonal. En superficie existen dúas borrascas cun radio de acción amplo que chega ata a metade peninsular. Repítese unha circulación ciclónica (o ciclón Hortensia) do oeste que trouxo como consecuencia fortes precipitacións. A situación para o día 15 seguiu bastante semellante, en altura a depresión centrábase ao oeste das Illas Británicas cunha vaguada, cuxo eixo pasaba rozando o oeste da península. Unha fronte fría barreu o país e foi a causante das precipitacións deses días. En superficie apréciase unha estensa área depresionaria formada por 4 borrascas que afectaron a boa parte de Europa occidental e mesmo central. A borrasca máis próxima a nós presentaba un mínimo de 976 milibares. Neste caso foi a fronte fría que atravesou a Península a responsable das precipitacións. Os valores de choivas para a primeira quincena do mes de outubro recollidos nas dez estacións localizadas por toda a comunidade galega indican que ao longo do período rexistáronse intensas precipitacións, sobre todo nas estacións de Santiago, Pontevedra e Vigo. As choivas que caeran con anterioridade, xunto coas que se produciron os días 13 e 14 foron as causantes da inundación dese ano, caracterizada por ser a máis catastrófica de todas.

Por outro lado, nas inundacións dos días 20 e 21 de decembro de 1989, a diferenza dos casos anteriores, non se rexistraron precipitacións previas que puidesen ter dado lugar ao efecto acumulativo que se produciu nas outras. A análise do mapa en altura do día 18 amosa un claro fluxo zonal seguindo a dirección dos paralelos, o índice de circulación é moi alto. En superficie aprécianse tres borrascas que rodean a Península Ibérica, unha situada ao norte das Illas Británicas, outra ao noroeste da Península Ibérica bastante alonxada e a última moi próxima a Galicia. As isobaras sobre España dispóñense tamén seguindo máis ou menos a dirección dos paralelos e os fluxos de ventos son claramento do oeste (situación sinóptica do oeste ou zonal). O día 19 a circulación segue sendo zonal, e en superficie obsérvase como a Península é varrida pola acción de dúas fortes borrascas con centro ao oeste das Illas Británicas. A inundación deste ano, así, débese a un episodio de gran precipitación acontecido nun breve período de tempo. Demóstrase con este estudo que os tipos de tempo que afectan a Galicia e que producen episodios de choivas intensas son os ciclónicos do oeste, que normalmente deixan caer maiores cantidades de precipitación no sector atlántico. Todo isto, xunto con outros factores, desencadeou as inundacións que afectaron á área de Padrón dende tempos moi remotos.

COA INAUGURACIÓN DO CANAL NO 1994, OS ENXEÑEIROS PROMETERON QUE A OBRA PODERÍA SOPORTAR AS ENCHENTES DOS PRÓXIMOS 1.000 ANOS

Unha obra pública rematou coas inundacións en Padrón. Todos os veciños da vila saben que hai un antes e un despois da construción do canal de derivación da corrente de auga que chegaba ao lugar. O canal, como simplemente lle coñecen, inaugurouse en setembro de 1994 e comezou a funcionar na súa totalidade no 1995, coa promesa dos enxeñeiros de que tería capacidade para soportar as enchentes dos próximos mil anos. Se ben é certo que aínda a día de hoxe hai invernos nos que vai tan cheo que non deixa de traer lembranzas de Vietnam aos máis anciáns. Con todo, e a pesar de que innegablemente, dende que se fixo esta construción as inundacións que cada poucos anos azotaban Padrón desapareceron, o canal non estivo exento de polémica: durante a súa construción secaron moitos pozos e mesmo houbo moitas persoas que puxeron en dúbida que a súa capacidade fose a adecuada. Sexa como fose, polo de agora, os mil millóns de pesetas que custou esta obra amortizáronse con creces, pois non houbo que lamentar máis perdas económicas estratosféricas para os veciños. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta