Expourense convértese no maior concesionario do norte de España durante dúas semanas

A fin de semana do 15 ao 17 de novembro celebrarase o Salón do Vehículo Novo e do 22 ao 24 o de Ocasión. Haberá 16 concesionarios oficiais e presentaranse 37 modelos novos.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 15/11/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Os concesionarios oficiais da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participarán como expositores no 15º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fines de semana seguidas en Expourense. A fin de semana do 15 ao 17 de novembro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 22 ao 24 de novembro o do Vehículo de Ocasión. Trátase de dúas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O.

Presentación do 15º Salón do Automóbil de Expourense (2024). Foto: Prensa Expourense.
Presentación do 15º Salón do Automóbil de Expourense (2024). Foto: Prensa Expourense.

O evento presentouse oficialmente en Expourense este martes 12 de novembro nun acto no que participou o presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo Cid; o secretario xeral de Cáritas Ourense, Javier Soto Varela, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González. Por parte de ACAUTO interviu o seu vicepresidente, César Fernández Mosquera, que participou acompañado por boa parte da xunta directiva desta asociación empresarial.

16 CONCESIONARIOS, 25 MARCAS E 37 MODELOS NOVOS

En total, participarán 16 empresas representando a 25 marcas que presentarán en total 37 de modelos novos. As marcas representadas son: ABARTH, AUDI, BMW, CITROËN, CUPRA, DACIA, FIAT, FORD, HYUNDAI, JEEP, KIA, LEAP MOTOR, MAZDA, MERCEDES BENZ, MG, NISSAN, OPEL, PEUGEOT, PORSCHE, RENAULT, SEAT, SKODA, TOYOTA, VOLKSWAGEN e VOLVO. Entre o Salón do Vehículo novo e o do Vehículo de ocasión estarán expostos 660 vehículos o que converte a Expourense no maior concesionario do Norte de España durante estas dúas semanas.

Haberá vehículos de todas as motorizacións e destacará tamén a oferta en eléctricos, un sector que subiu un 29% dende o último ano. Ata o 30 de setembro vendéronse na provincia 1.283 coche eléctricos.

Estarán expostos 660 vehículos, o que converte a Expourense no maior concesionario do Norte de España durante estas dúas semanas

Tanto dende ACAUTO como dende Expourense sinalan que estas dúas citas son unha magnífica oportunidade (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche novo. Para incentivar as vendas, os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión entrarán no sorteo dun cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.

Dende ACAUTO lembran que se volverá colaborar con Cáritas Ourense, a quen se destinará un importe por cada vehículo vendido, e insisten de novo na necesidade de rexuvenecer o parque móbil da provincia de Ourense, o máis antiguo e España, que na actualidade ten unha idade media de 17 anos.

LUDOTECA E HORARIOS

Para facilitar as visitas e operacións dos potenciais clientes cos concesionarios, a organización volverá ofrecer un servizo de ludoteca gratuíto durante toda a fin de semana (venres de 17.00 a 20.30 h.; sábados de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h. e domingos de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h.).

A organización volverá ofrecer un servizo de ludoteca gratuíto durante toda a fin de semana

O horario do 15º Salón do Automóbil será os venres 15 e 22 de novembro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 16 e 23 de novembro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 17 e 24 de novembro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta