O proxecto para recompilar o ADN de 400.000 galegos dá os primeiros pasos: envío de SMS a 2.000 habitantes de 15 concellos

Os días 14 e 21 de decembro tomaranse mostras de sangue a un primeiro grupo de 1.000 participantes, nos 14 hospitais do Sergas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2024 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O proxecto que recompilará o ADN de 400.000 galegos dá os seus primeiros pasos a semana que vén co envío aleatorio de SMS a 2.000 persoas, co obxectivo de lograr un tamaño muestral de 1.000 participantes. Estas 1.000 persoas son as que a Xunta pretende que participen nunha iniciativa piloto coa que pon en marcha "a maquinaria" do Proxecto Xenoma Galicia, cuxo obxectivo final é recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco.

En concreto, Xenoma Galicia busca recompilar esta gran mostra de ADN con fins médicos para identificar as variantes xenéticas de alto risco, co obxectivo de poder actuar a tempo no seguimento, diagnóstico e tratamento de enfermidades graves, como o cancro de mama ou de ovario hereditario, entre outras. Así o destacaron este xoves en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e o director executivo da fundación pública galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo.

En rolda de prensa, Gómez Caamaño resaltou a relevancia que dá a Xunta a "todo o relativo a prevención e detección temperá" de enfermidades. Pola súa banda, Carmen Durán explicou que "inicialmente" comezarán recollendo "soamente mostras de sangue", nun enfoque de avaliación preventiva. O que se pretende agora é "ver no campo, no terreo real", como hai que dispor a loxística, "ensaiar a invitación ás persoas, facer a recolección de mostras, o seu transporte...", explicou. Trátase de "unha loxística complexa" na que, tras a invitación mediante SMS, "dáselles tres días ás persoas seleccionadas para que digan se si ou se non" queren participar. "Este piloto permite testar a loxística e a participación de poboación no proxecto", resaltou a responsable de Saúde Pública da Xunta.

"FIEL IMAXE" DE GALICIA

Entre toda a poboación de entre 35 e 70 anos, e tras uns "cálculos estatísticos para que sexa representativo" de Galicia, a invitación farase a 140 persoas de dous concellos do ámbito urbano (A Coruña e Vigo), 280 persoas de catro municipios semiurbanos (Valdoviño, A Illa, Vilaboa, Brión) e 630 persoas de nove rurais (O Pino, Dumbría, Lousame, O Corgo, Pantón, Xove, San Cibrao das Viñas, Monterrei e Rubiá). Pretende lograrse unha "fiel imaxe da distribución da poboación na xeografía galega".

A mostra de saliva "deixaríase para a segunda parte do piloto, que probablemente se realizará a principios de 2025", segundo Durán. Así, serán convidadas 2.000 persoas que recibirán información para que, se deciden participar, fágano "dunha maneira consciente e con toda a información". Logo poderán pedir cita, en tres tramos horarios e nos hospitais de referencia, a través da aplicación móbil do Sergas para o sábado 14 de decembro (primeiro) e 21 de decembro (unha vez se chegue ás 500 veces solicitadas a primeira data).

"ÚNICO NO MUNDO"

Pola súa banda, o director executivo de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, celebrou o "punto de partida dun proxecto tremendamente ambicioso" e "único no mundo na súa dimensión". "É un grandísimo proxecto de investigación. Esta parte de cribado é unha parte máis é un proxecto de país", expuxen. Coa pretensión de ter o ADN de 400.000 galegos e un biobanco de 100.000 (esta segunda cifra é menor por motivos orzamentarios), Carracedo resaltou a finalidade do proxecto: "Que podamos predicir e anticiparnos a moitas enfermidades comúns" e tamén axudar no tratamento.

Esperando "contar coa participación da xente", os responsables da iniciativa remarcaron a súa relevancia para "o futuro" da saúde dos galegos, o seu investigacón e "mesmo" como "revulsivo" para a economía da comunidade. As garantías "legais e éticas van ser máximas", aseguraron, e sobre os prazos admitiron que "houbo un pequeno parón", uns "meses de demora", pero "non un ano" e "agora" búscase "facer con garantía". Preguntado sobre se cre que en cinco anos se conseguirán os obxectivos, Carracedo reivindicou que se está ante "unha oportunidade histórica" e pensa "que poida que si". "Temos que buscar o modelo para analizar todo. Hai moito traballo diante. Con ilusión pódense conseguir cousas", fixo fincapé. "O obxectivo é este e imos véndoo ano a ano", engadiu.

Presentación do piloto do proxecto Xenoma
Presentación do piloto do proxecto Xenoma | Fonte: MÓNICA ARCAY CARRO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta