Por Galicia Confidencial | Allariz | 19/11/2024 | Actualizada ás 08:35
A programación que deseñou o Concello de Allariz para conmemorar o 25N comezou este luns 18 de novembro cunha charla no IES Allariz concedida pola Secretaría de Igualdade. Nesta sesión, María Angélica Mercado, especialista en xénero e políticas de igualdade, abordou cos estudantes de 4º da ESO os aspectos máis salientables das agresións e a violencia sexual. A finalidade desta actividade era preparar á mocidade para a prevención deste tipo de violencia.
O venres 22 de novembro ás 19:30, no Fogar dos Maiores, terá lugar a charla “A violencia de xénero a través das redes sociais”, impartida por Patricia Alonso Ruido, profesora do grupo ESCULCA e investigadora principal en proxectos centrados nas ciberviolencias. Esta charla, aberta a todos os públicos, abordará as múltiples formas de violencia contra as mulleres no mundo dixital, un problema crecente na sociedade actual.
O domingo 24 de novembro ás 18:00, na Casa da Cultura, será a quenda da obra de teatro "Bravas", interpretada por Isabel Risco. Esta representación ofrece unha particular visión da historia das mulleres galegas, unha historia roubada, escondida e sen visibilidade. A través dunha viaxe no tempo, a obra fai parada en diversas “estacións” protagonizadas por mulleres do pasado, presente e futuro, mostrando a súa resiliencia e fortaleza.
Finalmente, o luns 25 de novembro, día no que se conmemora oficialmente o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, levarase a cabo lectura do manifesto contra a violencia de xénero na Praza Maior ás 12:00 h. Na lectura do mesmo participarán diferentes sectores de Allariz.
A concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez, e a técnica de igualdade, Cristina Outeiriño destacaron na presentación do programa a "importancia de reforzar os esforzos contra a violencia de xénero e a necesidade de sensibilizar á poboación, especialmente ás novas xeracións, sobre a gravidade desta problemática".
As actividades organizadas polo concello contan coa colaboración de Silvardeiras e o IES Allariz, ademais do apoio da Xunta de Galicia e do Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.