Por Galicia Confidencial | A Coruña | 13/02/2016 | Actualizada ás 13:36
A crise que vive Podemos Galicia tamén se ten trasladado as agrupacións locais. Algunhas delas, como é o caso da da Coruña, teñen iniciado xa debates internos sobre os modelos para concorrer a unha autonómicas ao marxe da crise interna que vive a formación en Galicia co nomeamento dunha xestora e a postura do seu secretario xeral, Breogán Riobóo, de non dimitir.
Con todo, Podemos-A Coruña entende que, logo da dimisión do Consello Cidadán, tamén o propio Riobóo debería dimitir. Así llelo trasladou na reunión que tivo con el o pasado mércores, onde presentou un documento no que expuñan ao secretario xeral de Podemos Galicia que "debe frear toda resistencia á creación da comisión técnica e á celebración dunhas eleccións para o total do consello cidadán autonómico".
"Todo pasa por deixar a secretaría xeral sen seguir aumentando as friccións que a día de hoxe causan máis prexuízos que beneficios", recolle o documento entregado. Un documento que apoia a secretaria municipal de Podemos-A Coruña, Isabel Faraldo, aínda que amosa o seu "respecto absoluto" a que Breogán Riobóo mantéñase no cargo de secretario xeral, aínda que as competencias que residían nos máximos órganos de dirección son agora do equipo técnico.
En todo caso, e en sintonía co documento presentado na reunión deste mércores en Santiago, Faraldo considerou que o máis apropiado serían unhas "primarias o máis consensuadas e participadas posibles" e que nelas se elixisen todos os órganos de dirección do consello cidadán autonómico. En todo caso, insistiu en que é el quen ten que "tomar a decisión".
Se embargo, e tentando ser alleos a esta crise interna de Podemos en Galicia, o consello cidadán da Coruña impulsa esta fin de semana entre os seus círculos o debate sobre como concorrer ás eleccións autonómicas deste ano en Galicia. Un debate que pretende ser extensivo ao conxunto dos militantes en Galicia para que se celebre un encontro autonómico que se impulsa desde A Coruña e na que se recollen "diferentes fórmulas". Entre estas fórmulas están as de ampliar o espazo creado nas pasadas xerais, En Marea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.