Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2024 | Actualizada ás 12:00
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, lamentou este mércores que as novas bonificacións para usuarios recorrentes da AP-9 anunciadas a semana pasada polo Goberno central non se implantarán ata "ben entrado o 2025". Así respondeu a unha pregunta oral formulada no pleno do Parlamento galego polo deputado do PP Roberto Rodríguez, quen denunciou que a partir do 1 de xaneiro percorrer a Autoestrada do Atlántico "custará 27 euros" polo aumento do canon a Audasa e o IPC. Neste contexto, Rodríguez criticou que o ministro de Transportes, Óscar Puente, "dixo non á AP-9, dixo non á transferencia, non á súa gratuidade e non ao seu rescate". "Pedro Sánchez dixo, por boca de Puente, unha vez máis, non a Galicia", resumiu o popular.
A conselleira de Planificación de Infraestruturas cuestionou as bonificacións anunciadas (que forman parte do pacto de investidura que asinaron PSOE e BNG), porque "agora parece que si hai diñeiro" para elas, aínda que non para o rescate. Con todo, cre que forma parte dos "anuncios trampas" dun Goberno central que "traballa a golpe de titulares" porque, mentres Galicia "segue pagando peaxes" pola súa principal autoestrada, estes elimínanse noutras comunidades, "como en Cataluña". "Seguimos pagando e seguiremos pagando", cre Martínez Allegue, porque "non existe vontade política" nun Executivo que ten "total descoñecemento" das necesidades de Galicia. Mentres en Madrid "non son capaces de mirar" polos intereses galegos, defendeu que a Xunta está "a cumprir coa cidadanía" co rescate, a partir do 1 de xaneiro de 2025, de catro autovías de titularidade autonómica que tiñan peaxes en sombra e que pasarán a ser "de xestión integramente pública".
CABALLERO: "A GRATUIDADE SÓ CHEGARÁ CUN GOBERNO SOCIALISTA EN MADRID"
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, trasladou este mércores o seu "convencemento" de que "a gratuidade da AP-9 sucederá cun goberno socialista en Madrid", e subliñou que, "cada vez que goberna o PP, vai en dirección contraria". Caballero advertiu de que segue reclamando "a gratuidade total entre Vigo e Pontevedra", pero engadiu que se vai "na boa dirección" e que continuará a súa demanda ata que a autoestrada sexa "totalmente gatuita". O rexedor expresou o seu "convencemento" de que será un goberno socialista o que aprobe a gratuidade da AP-9. Segundo denunciou, "cada vez que goberna o PP", amplía a concesión da autoestrada, mentres que son os socialistas os que facilitan e "abaratan" as viaxes. "É unha constatación histórica", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.