Por Europa Press / Redacción | FERROL | 04/12/2024 | Actualizada ás 13:43
A dirección de Navantia e o comité de empresa dos estaleiros ferroláns alcanzaron un principio de acordo para a renovación do convenio colectivo tras meses de negociacións e mobilizacións dos traballadores. Así o trasladou na mañá deste mércores o presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Carlos Díaz (MAS), que confirmou aos medios que o preacordo, pendente de ratificar polos traballadores, asinouse ás 04.00 horas da madrugada. Segundo o representante da parte social, o texto final inclúe "melloras substanciais con respecto ao preacordo anterior" que atribúe á presión dos traballadores dos estaleiros de Ferrol e Fene.
"Logramos que a dirección movese un pouco a súa vontade e alcanzásemos melloras", relatou Díaz, que sinalou como principais novidades o plan de saídas, melloras no contrato de substitución e no plan de xubilación anticipada, ademais de "algunha mellora nos niveis de entrada". Díaz detallou que este texto tamén recolle "a clasificación profesional de todos os grupos, así como o sistema de promoción", ademais de homoxeneizar "a todos os grupos profesionais como poden ser os traslados dentro da mesma zona xeográfica (entre Fene e Ferrol), plus en reparacións, probas de mar e "xornadas especiais para atender situacións excepcionais".
O representante de Movemento Alternativo Sindical (MAS) asegurou que tamén hai un compromiso de crear "un grupo de traballo para homoxeneizar as dietas para todos os grupos profesionais". Así as cousas, os traballadores votarán en urna o próximo 17 de decembro se aceptan ou rexeitan o novo convenio, que será abordado en asembleas durante a próxima semana.
PLAN ESTRATÉXICO
Carlos Díaz asegurou que neste encontro entre dirección e representantes sindicais estivo presente o presidente da compañía, Ricardo Domínguez, "que se comprometeu a renovar as conversacións do plan estratéxico", e que no mesmo teñen previsto abordar "temas de emprego, xa que temos prazas comprometidas, de carga de traballo con eses buques que tamén temos comprometidos", ademais de investimentos. Por último, o representante dos traballadores tamén quixo agradecer ao persoal a súa implicación e as súas mobilizacións, que lograron "empuxar e mover á dirección, e así obter estes avances que foron decisivos para a firma do preacordo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.