Galicia e Eurorrexión piden que se poñan as vías para "non perder" o AVE a Porto

"Non é aceptable que a conexión prioritaria sexa con Madrid, mentres a nosa Eurorrexión segue esperando", lamentou o presidente da Xunta

Por E.P. | VIGO | 04/12/2024 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

Representantes de administracións e institucións galegas e da Eurorrexión co norte de Portugal pediron que se "deixen de pór prazos e poñan as vías" para "non perder o tren do progreso" entre Vigo e O Porto.

Así o reivindicaron este mércores nun acto organizado en Vigo pola Xunta de Galicia no que estiveron presentes, entre outros, o presidente galego, Alfonso Rueda; o presidente da Rexión Norte de Portugal, Antonio Cunha; o alcalde do Porto, Rui Moreira; a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, María Borrás; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, ou o presidente da Confederação Empresarial do Alto Minho, Luís Ceia, entre moitos outros.

Alí, Rueda reclamou un impulso ao AVE entre a cidade olívica e a urbe portuguesa, esixindo un calendario de investimentos e de obras que poida ser "fiscalizado".

No evento, que aseguraron que suporá un "antes e un despois" para esta infraestrutura, o presidente galego reivindicou a unión de ambas as partes da fronteira para solicitar de forma "unánime" esta conexión.

"Hoxe únense unha vez máis as voces de Galicia e do norte de Portugal reclamando, nin máis nin menos, o que esta terra merece: unha conexión á altura de todo o potencial e de todo o dinamismo que temos para seguir crecendo", afirmou, á vez que sinalou que "non hai máis tempo que perder".

Tanto el como Moreira e Cunha puxeron en valor que a Eurorrexión conta con case 6,5 millóns de habitantes, que están unidos por vínculos sociais, económicos e culturais "moi intensos". Precisamente Moreira, na súa intervención, asegurou que ao ano hai máis de 1,5 millóns de persoas que viaxan entre O Porto e Vigo, unha cantidade similar á que vai de Lisboa a Madrid. Por esta razón, pediu ao Goberno central español que non priorice unha sobre a outra.

"AVANCES"

Moreira, do mesmo xeito que Rueda, recoñeceu os "avances" realizados por Portugal, que xa adxudicou o primeiro tramo da conexión ata Aveiro por 1.600 millóns de euros, polo que os dous instaron ao Executivo español a actual coa mesma "determinación".

"Non é aceptable que a conexión prioritaria sexa con Madrid, mentres a nosa Eurorrexión segue esperando", lamentou Rueda.

Por todo iso, no acto asinaron o tres, xunto co presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, un manifesto no que solicitaron axilizar os investimentos para a chegada do AVE.

Pola súa banda, o acto tamén contou cunha mesa redonda na que estiveron presentes a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, María Borrás; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e o presidente da Confederação Empresarial do Alto Minho, Luís Ceia.

O tres cualificaron de "imprescindible" a conexión entre Vigo e O Porto, pondo en valor o acto que será un "antes e un despois" ao mostrar a "unidade" por un tema tan importante.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, rexeitou asistir ao acto, a pesar de estar convidado. Con todo, enviou posteriormente un audio aos medios de comunicación asegurando que "a parte española está asegurada" para 2030 pedindo que o Executivo luso "faga público" o seu compromiso co AVE tamén para esa data.

Imaxes do acto.. XUNTA
Imaxes do acto.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta