Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2024 | Actualizada ás 14:47
O parque público de vivenda da comunidade galega incorpora 22 novos inmobles da Sareb (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria) tras destinar a Xunta algo máis de 2 millóns de euros correspondentes a un programa do plan estatal, co que o Goberno central transfire fondos á comunidade condicionados á compra destes inmobles. Esta operación correspóndese con 11 vivendas en Cee, tres en Lugo, tres en Vigo, dúas na Coruña, dúas en Sarria e unha no Barco, que pasarán a ser todas de promoción pública, con carácter permanente. Na rolda de prensa na que as deu a coñecer, a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, cargou contra o que considera un "absurdo" por parte do Executivo central.
E é que, na súa opinión, "o razoable sería que a Sareb cedese á Xunta de forma gratuíta estas vivendas e que o Goberno central compensase á Sareb da forma que considerase oportuno, deixando que as comunidades autónomas destinasen os fondos do plan estatal de vivenda a actuacións propias do mesmo, como construción de vivenda protexida, rehabilitación de vivenda ou mesmo ao aluguer". "Non se pode cargar nas costas das comunidades a compra destes inmobles unha vez que a Sareb quere desprenderse deles, utilizando fondos do plan estatal que se detraen da posibilidade de emprego noutros programas", sinalou.
CONSUMIDO O TOTAL DO CONDICIONADO
En todo caso, ao seu lado na comparecencia, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, explicou que "o propio plan estatal destina obrigatoriamente unha porcentaxe dos fondos que transfire" a este fin. Son, segundo explicou, partidas finalistas para adquirir vivendas á Sareb. Por iso é polo que, como Galicia, "todas as comunidades" optan por "consumir eses fondos", indicou, no que ve "o círculo perfecto", xa que se trata de "diñeiro do estado que vén ás comunidades para que volva reverter nunha sociedade pública que pertence ao estado". A Xunta xa adquiriu en 2023 vivendas por 7,9 millóns e "con estes 2 e pico consome esa obrigación de destino, que era do 10 % dos fondos transferidos polo estado", segundo precisou o tamén director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
"CONFORMARSE CUNHA ESCASA OFERTA"
Pola súa banda, a conselleira centrou a súa intervención en que as vivendas da Sareb "deberían sumarse ao parque público de vivenda" mediante cesión gratuíta, e así o solicitou a Xunta, crítica coa "resposta da Sareb", que "é que descartan unha cesión gratuíta e que só contemplan a venda dos seus activos". Fronte a esta "absoluta falta de interese por transferir as vivendas á Xunta", Allegue lamentou ter que "conformarse cunha escasa oferta de posible compra de vivendas que mesmo non están en condicións de habitabilidade, carecen de licenza, teñen ocupacións ilegais incluso, expedientes de infracción urbanísitca ou están en concellos onde non existe demanda".
Ve "absurdo" que mentres o Executivo autonómico segue "demandando esa cesión gratuíta", exista un programa do plan estatal que para a titular de Vivenda é "demagóxico" e "cuxo único obxectivo é financiar adquisición destas vivendas". En 2015, reivindicou que a Xunta foi "unha das primeiras" comunidades que conseguiu a cesión de vivenda en réxime de dereito de usufructo, co que xestionou 40 vivendas que alugou a familias con alugueres alcanzables.
"Os acordos fóronse prorrogando ata que a sociedade (a Sareb) pasa a ser maioritariamente pública", indicou, momento no que a Xunta se sentiu coa "obrigación moral de comprar para garantir a permanencia dos inquilinos" que tiña. Así, o pasado ano comprou 40 vivendas propiedade ata entón da Sareb e permitiu "a continuidade dos inquilinos". Para a dirixente autonómica, todo isto responde á "incoherencia dun Goberno que non escoita e complica un traballo que debe ser común", o de "garantir o acceso a unha vivenda digna".
ALGO "MÁIS FRUTÍFERO" NO NOVO PLAN ESTATAL
Vivenda espera ser convocada proximamente a unha nova reunión para a tramitación do próximo plan estatal e "por suposto" volverá tratar " este tema", tendo en conta que "é un dos programas que existe" e non quere "que sexa algo do futuro plan". "Avogamos por algo máis frutífero", incidiu. Pola súa banda, o secretario xeral remitiu ao dato da web da Sareb para cuantificar en 1.821 as vivendas da súa propiedade en Galicia, aínda que "nas diferentes comunicacións e peticións" da Xunta sobre cifras, en 2023 e 2024, fóronlle comunicados números "cambiantes": 1.200, 470, menos de 80, segundo especificou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.