O BNG presentará unha emenda de devolución contra a nova lei da CRTVG, un "retroceso democrático" e un "ataque" ao galego

Pontón propón que o ente público dedique o 6 % das súas contas a "impulsar" a produción audiovisual galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2024 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

O BNG presentará unha emenda de devolución contra o proxecto da nova Lei galega de medios públicos, na que ven un "importante retroceso democrático" coa que o PP pretende "asaltar" e levar a cabo un "control absoluto" da CRTVG á vez que "acantoa" a lingua galega ao permitir a emisión e produción de contidos en castelán. Así o avanzou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha comparencencia ante os medios tras manter un encontro no Parlamento galego con representantes da Mesa Galega do Audiovisual, que aglutina aos distintos actores do sector audiovisual galego.

Antes de enumerar unha serie de propostas do Bloque para "potenciar" o audiovisual galego, como que a CRTVG dedique o 6 % dos seus orzamentos a "impulsar" a produción na comunidade, Pontón anunciou que rexistrarán unha emenda de devolución contra a lei coa que a Xunta pretende reformular o marco normativo dos medios públicos. Para a formación frontista, o texto que acaba de ser remitido ao Parlamento galego polo Executivo autonómico é "unha volta de porca máis" na "manipulación" e supón un "importante retroceso democrático" ao "impulsar directamente un control absoluto" da CRTVG e facilitar que o seu director xeral sexa nomeado de forma "unilateral".

En palabras de Pontón, o PP realiza con esta reforma normativa "un asalto" ao ente público para "continuar silenciando" aos xornalistas e "controlando" a opinión pública galega mentres "bloquea" a participación dos traballadores coa súa negativa a crear un consello de informativos que vele pola independencia da radio e televisión galega. Ademais, consideran que o texto tamén representa un "ataque directo" á lingua galega que, "no peor momento da súa historia", ve como "a achega" do PP "é acantoar" o seu uso na CRTVG abrindo a porta ao uso do español, o que, para Pontón, contradí o principio fundacional do ente público. "A CRTVG naceu porque existe a lingua galega", aseverou Pontón, que incidiu en que traballarán para "seguir defendendo uns medios públicos a servizo dos galegos" porque "non poden pagarse 100 millóns de euros ao ano a unha televisión pública para que sexa un aparello do PP".

PROPOSTAS AUDIOVISUAL

A portavoz nacional do Bloque tamén lanzou unha serie de propostas para "reforzar" o papel da CRTVG como "motor" do audiovisual galego, para o que ven necesario "defender" a produción propia e "actuar como dinamizador" do sector "en cumprimento da súa vocación de servizo público". Para iso, expoñen que a CRTVG dedique o 6 % dos seus orzamentos a "impulsar" a produción galega de cinema e ficción, ademais de que se configure unha comisión encargada de seleccionar os proxectos que contrata o ente público a través de criterios que "favorezan o talento" e a "igualdade" de trato cara a "todas as produtoras". Pontón recalcou que é necesario contar cun organismo deste tipo que "xa existe" a nivel europeo para pór fin á "opacidade" que aprecia nas prácticas da CRTVG á hora de contratar e financiar contidos de produción externa.

Ana Pontón reúnese coa Mesa Galega do Audiovisual
Ana Pontón reúnese coa Mesa Galega do Audiovisual | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta