Por Emilio Martinez | Vigo | 22/02/2016
En “Por qué fracasan os países?” os autores acercan aos lectores toda unha serie de conceptos con o dos círculos virtuosos e os círculos viciosos do desenvolvemento, a súa relación directa co concepto schumpeteriano da “creación destrutiva”, como a base do crecemento económicos, a robustez lei de ferro das oligarquías e a hipótese mais relevante que expoñen: a importancia das institucións, políticas e económicas, que poden adoptar un carácter inclusivo ou extractivo, supoñendo esta segunda opción a causa principal da situación de pobreza e subdesenvolvemento que afecta a tantos millóns de persoas. Os autores desbotan, con argumentos contundentes, explicacións da permanencia do subdesenvolvemento sustentadas en situacións xeográficas ou factores de orixe cultural ou mesmo étnico. . As institucións inclusivas serían aquelas basadas en regras democráticas, nas que priman os acordos consensuados sobre aspectos sociai, económicos e políticos, fundamentais (separación de poderes, respecto á propiedade, respecto á liberdade de prensa…), e nos que ningunha clase, ou grupo ten a capacidade de impoñer as súas decisión, de xeito que as mesmas priven a outros grupos da participación política. Son sociedades nos que as propias institucións, as regras que rexen o seu funcionamento, están por riba dos gobernos, por dicilo dalgún xeito. O libro sostén as súas argumentacións na historia económica e política de diversos países e zonas do mundo, desde a actualidade mais recente de Venezuela ou México ata a formación dos Estados Unidos, pasando pola colonia carcelaria que foi Australia, a conquista, e espolio, de América por españois e portugueses, a dinastía Ming en China, o comodoro Perry no Xapón ou o tráfico de escravos na África subsahariana
O capítulo11 do libro, titulado “O círculo virtuoso” recolle un pasaxe da historia política de Estados Unidos que seguramente a maioría descoñecíamos. Os autores contan como Franklin D. Roosevelt, a quen todo economista coñece pola política de New Deal posta en marcha para reverter a crise económica de 1929 no seu país, tentou en marzo de 1937, logo de ser reelixido en novembro de 1936 cun impresionante 61% do voto popular, modificar as regras polas que se rexía o Tribunal Supremo estadounidense, á sazón o seu Tribunal Constitucional. Recordemos que o Tribunal Supremo de EEUU ten nove membros e o seu cargo é vitalicio, os xuíces do Supremo permanecen no cargo ata que morren, retiranse voluntariamente ou son incapacitados legalmente. Naqueles momentos o tribunal tiña fallado contra algunhas das políticas que promovera Roosevelt. Tentando aproveitarse das amplas maiorías demócratas nas dúas cámaras, a de Representantes e o Senado, o presidente estadounidense propuxo que os xuíces do Supremo foran xubilados aos setenta anos, xustificándose en que a esa idade os xuíces xa non tiñan a capacidade de trabalo que esixía o cargo (ademais de que os xuíces mais críticos coas súas propostas eran, tal vez casualmente, os de maior idade…). Roosevelt nunca puido levar a cabo a súa desexada reforma: o propio Senado, de maioría democráta rexeitou a reforma proposta excluíndo da mesma todo elemento tendencioso na elección dos xuices do Supremo. Citando textualmente a Acemoglu e Robinson: “… os congresistas e os senadores comprenderon que, si o presidente podía someter a independencia do poder xudicial, entón reduciríase o equilibrio de poder no sistema que os protexía do presidente e garantía a continuidade de institucións políticas pluralistas”. (pax. 385 do libro).
O capítulo describe uns cantos países e momentos nos que o poder político modificou as regras á súa conveniencia para impoñerse ben ao poder lexislativo (Fujimori e Chavez en Perú e Venezuela) ou ao poder xudicial (Perón e Memen en Arxentina, pero a lista podería ser moi longa).
O pasado martes, 16 de febreiro, despois de sorprenderme lendo na prensa algunhas das propostas que Podemos realizaba ao PSOE como base para un goberno de coalición corrín a ver por min mesmo o que escribiran, e alí estaba “A elección deberá producirse por consenso baixo a lóxica de que os equipos de goberno estarán necesariamente compostos por persoas capaces con diferentes sensibilidades políticas, pero comprometidos co programa do Goberno do Cambio…”, exactamente na páxina 92. E isto referido aos membros do Tribunal Constitucional, os vocais do Consello Xeral do Poder Xudicial ademais da Intervención Xeral da Administración Xeral do Estado ou a Avogacía do Estado… entre outros moitos postos… É verdade que pasados uns poucos días, e ante a crítica xeneralizada, entendo que tanto de estraños ao partido como de propios, este requisito de “carnet en la boca” desapareceu como premisa para formar parte duns órganos que teñen a responsabilidade do control e fiscalización… pero a miña pregunta é a seguinte:… pode permitirse un partido que pretende gobernar, e que de feito xa cogoberna hoxe en día non poucos dos grandes concellos do Estado, patinazos de tal calibre?. A independencia do poder xudicial, peza clave na separación de poderes, nos gusten ou non nos gusten algunhas das interpretacións que podan facer das leis, é tan fundamental para o fortalecemento dun sistema democrático como a premisa de: un home, unha muller… un voto, ou a liberdade de prensa, ou a liberdade de expresión ou dereito a crear partidos… Hai erros que nunca se deben producir, aínda que se retifiquen aos poucos días. Que tantas veces teñan que rectificar non é símbolo de que sexan sabios, por moito que o diga o refrán. En Podemos hai algo que falla, tal vez sexan fallos por inexperiencia, que debería ter solución; ou tal vez os fallos teñen a súa orixe en buscar inspiración na actuación política de quenes non deberan. Os líderes de Podemos, como meritorios alumnos de Ciencias Políticas que en gran parte foron, deberían saber que a frase de Maquiavelo “O fin xustifica os medios” non debe tomarse ao pe da letra.