Cargos institucionais, ademais de militantes, poderían abandonar o BNG

Integrantes da corrente Abrente manterán un encontro para decidir o xeito de saír do BNG e de traballar nun “proxecto común”. Algúns alcaldes nacionalistas valoran xa abandonar a formación nacionalista. “Eu non me movín do BNG, quen se está movendo é o BNG”, di o rexedor de Vimianzo.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/03/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

“Sorte a Ana Pontón e demais xente da UPG e do MGS que quedan no BNG. O resto dos nacionalistas... a traballar para botar ao PP da Xunta e construír unha nova casa común. Comezamos". Esta frase publicada polo ex portavoz parlamentario Carlos Aymerich, nas súas redes sociais pouco despois da finalización da XV Asemblea Nacional do BNG, anticipa xa o que vai pasar na formación frontista.

Vence na Asemblea do BNG
Vence na Asemblea do BNG | Fonte: Ana Miranda

Aymerich anunciou na mesma asemblea, tras coñecerse os resultados, que deixará o BNG, pero a súa non será a única saída. E é que Abrente, o grupo de Máis Galicia que quedou no Bloque logo da ruptura de Amio, debe decidir se segue os pasos do seu cabeza visible e como o fará.

Segundo as fontes consultadas por GC, Aymerich non marchará só. A enmenda que defendeu na asemblea nacionalista acadou 214 votos. Son as persoas, das 1.500 presentes nese cónclave, que máis ou menos comparten a visión de Abrente dentro do BNG.

Obviamente non marcharán esas 214 persoas, pero serán bastantes”, apuntan estas fontes que mesmo din que serán máis dun cento. Unha saída de militantes que, en todo caso, será moito menor á que aconteceu logo de Amio. “Abrente nunca foi un grupo disciplinado e sempre se actuou con gran flexibilidade e o mesmo está acontecendo agora”, apunta este militante que suliña que é normal que a xente marche en resposta á “gravidade da situación actual do Bloque”.

Encontro de Abrente

Pero, antes de tomar esa decisión, a xente que forma parte ou simpatiza con Abrente manterá un encontro nos vindeiros días para ver como organizan esa marcha. “O que non queremos é, precisamente, que se repita o de Amio”, apuntan estas fontes que suliñan que, de marchar, tentarán facelo de xeito organizado e sen causar danos ao BNG.

Asemblea do BNG no Palexco da Coruña
Asemblea do BNG no Palexco da Coruña | Fonte: BNG FEne

Entre o grupo de militantes que pode marchar hai alcaldes. Varios deles, como os de
Bueu, Ribadeo, Poboa do Brollón, Zas ou Vimianzo
forman parte desta corrente. Outros, como os de Tomiño, Rianxo ou Castrelo de Miño, tamén, aínda que, neste caso, van por libre. De feito, tanto a alcaldesa tomiñesa, como o de Rianxo, Adolfo Muíños, foron na lista oficial ao Consello Nacional, aínda que Sandra González, non acudiu o domingo pola tarde a asemblea.

Serán precisamente os rexedores e os concelleiros pertencentes a Abrente os que teñan que avaliar máis seriamente a súa saída da formación, e como facelo. Un paso que non quixeron dar en 2012 e que, poderían dar, pola contra, catro anos despois. Con todo, e como apuntan estas fontes, non é igual a situación dalgúns destes concellos. “Non é o mesmo como está Antelo –rexedor de Vimianzo--, que outros, como Sandra”, din ao apuntar que este alcalde non ten militantes da UPG no seu equipo de goberno.

Antelo critica o cambio de posicións do BNG

“Eu non me movín do BNG, quen se está movendo é o BNG”, apunta, precisamente, Manuel Antelo, en declaracións a GC.  “Eu sempre estiven nos mesmos postulados desde que entrei nos CAF e en Galiza Nova, aglutinando a moita xente diferente”, apunta ao destacar que o seu equipo representa esa visión aberta do nacionalismo.

Carlos –Aymerich- non está só porque con el hai moita xente”, indica Antelo que insiste que, para el, é “moi complicado” explicar diante dunha sociedade “que quere alternativas”, que a súa formación se peche en banda a entendementos con forzas coas que pode ter puntos en común.

“Os que defendemos ter unha práctica política como se fixo sempre non é que sexamos menos nacionalistas, ou non defendamos a autodeterminación, pero igual hai xente que confunden os obxectivos prioritarios”, suliña.  O rexedor de Vimianzo critica que o BNG desprazouse ideolóxica e políticamente a partir de Amio e, mesmo, “está deixando fóra a moita xente válida e que foron referentes”, entre eles, ao xa ex portavoz nacional Xavier Vence.

Os detalles e as incógnitas da asemblea do BNG

A asemblea nacionalista do pasado domingo deixa tamén certas incógnitas, como é que pasará con dirixentes e ex dirixentes como o propio Vence, Alba Nogueira, Tereixa Paz ou Carme Adán, que decidiron quedar na organización pero que declinaron presentar unha candidatura alternativa, polo que, quedaron fóra dos órganos de decisión do Bloque.

“Hai case un 32% dos militantes que votou a enmenda de Tereixa e Carme o que indica que hai xente da UPG que tamén está a desgusto coa actual situación”, indican estas fontes consultadas. Tamén destacan que, curiosamente, Jorquera, actual voceiro parlamentario, non estará nin na Executiva, nin no Consello Nacional, xa que o pechar a lista oficial quedou fora pola entrada dos seus integrantes que obtivo a única lista alternativa presentada.

Esta lista, formada íntegramente por militantes das comarcas do Barbanza e Muros-Noia, obtivo moi pobres resultados pero demostra, segundo as fontes consultadas, que teñen un gran “descontento” coa xestión do BNG, aínda que non coa súa liña política.

Durante a sesión da mañá e nas intervencións dos militantes, Rafa Vilar, do MGS, criticou duramente a Vence. Durante a súa intervención dixo que a enmenda de Aymerich supuña a “destrución do BNG”, pero tamén criticou a presentada por Alba Nogueira, que “aínda que máis suave é moi nociva e é a que defende o portavoz nacional”. Unhas palabras que fixeron que Vence botara as mans á cabeza.

A asemblea nacionalista tamén deixou berros de apoio para quen é todo un referente da UPG e do novo BNG, Francisco Rodríguez. De feito, durante o seu discurso, Ana Belén Pontón, tivo palabras para el o que provocou que na sala se escoitaran berros de “Paco Rodríguez, patriota galego”.

Aymerich valora os resultados das eleccións galegas
Aymerich valora os resultados das eleccións galegas
Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo
Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo | Fonte: QPC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 41 comentarios

2 A Tahona

PACO RODRIGUEZ PATRIOTA GALEGO: http://www.lavozdegalicia.es/hemero....

1 Antolín o dos Cubatas

Movemento Galego por un Salario na CIG (MGS)

1 Chovi o infiltrado da policia

Chovi, o asalariado de Podemos, os asalariados da RAG e os asalariados de En Marea. FPG (Fronte Popular por un salario de Podemos)