Sanidade agarda un gran pico de gripe a finais de xaneiro

Baixas taxas de vacinación contra a gripe entre embarazadas (35,06%) e profesionais sanitarios (48,32%).

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 07/01/2025 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, confirmou este luns que se observa un ascenso da incidencia da gripe nas últimas semanas en Galicia e estima que o pico de casos "probablemente chegue entre os días 20 e 26" de xaneiro.

En declaracións aos medios durante unha visita ás obras do novo centro de saúde de Abegondo, o conselleiro ofreceu algúns datos da onda de gripe actualizados ata a semana 52, é dicir, a última de 2024. Así, Sanidade detectou "un incremento dun 21%" na incidencia con respecto á semana 51. "Podemos dicir que está a ascender nunha fase que podemos considerar de baixa intensidade", resumiu.

Con todo, as estimacións para as próximas semanas afinaranse cos datos que se reciban esta semana "e en función dos modelos predictivos" establecidos polo sistema de vixilancia, que observa as asistencias en Urxencias, as dos centros de saúde e outras variables como as compras de test de antíxenos e de antigripais na chamada rede de "farmacias sentinelas". "Calculamos que o máximo pico probablemente chegue entre os días 20 e 26 deste mes. O aumento de incidencia nótase sobre os servizos no centro de saúde, pero os datos definitivos terémolos esta semana", explicou o conselleiro.

A CAMPAÑA DE VACINACIÓN "AÍNDA NON ACABOU"

No caso da campaña de inmunización fronte á gripe, Antonio Gómez Caamaño lembrou que "aínda non acabou", pero destacou que as taxas de cobertura entre maiores e mozas van "ben".

Os datos oficiais ata o día 4 de xaneiro, publicados na web do Observatorio de Saúde Pública de Galicia, recollen que na actual campaña hai 769.415 persoas vacinadas contra a gripe e que a porcentaxe de inmunización alcanza o 74,25% entre os maiores de 65 anos. En nenos entre o seis 6 e os 59 meses --menores de cinco anos--, está no 61,56%. Onde non van tan ben é en mulleres embarazadas (35,06%) e en profesionais sanitarios (48,32%), tal e como recoñeceu o conselleiro, quen por tanto espera que "melloren".

O Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño
O Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta