Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 07/01/2025 | Actualizada ás 13:51
Galicia rexistrou un total de seis casos de vexigas do mono (mpox) durante 2024, todos eles causados polo clado II e ningún pola nova variante (clado I), que provocou que a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarase o pasado mes de agosto a emerxencia sanitaria internacional. En total, España notificou un total de 633 casos de mpox durante o ano 2024, igualmente todos eles causados polo clado II, sen casos da nova variante.
O dato de Galicia é superior aos dous casos notificados en 2023, pero está moi lonxe dos 122 que houbo en 2022. Deste xeito, acumula 130 casos no último trienio. Segundo os datos publicados este martes polo Sistema para a Vixilancia en España (SiViES), pertencente ao Centro Nacional de Epidemiología (CNE), a maior parte dos casos foron homes (592), mentres que a idade oscilou entre 6 e 76 anos, cunha mediana de idade de 36 anos. Ademais, o 65,5 por cento dos casos tiña entre 30 e 49 anos e o 43,2 por cento nacera en España.
Un total de 396 casos presentaron algunha sintomatología xeral ao longo do seu proceso clínico (febre, astenia, dor de garganta, dor muscular ou cefalea), sendo a febre a máis frecuente (307 casos). Ademais, o exantema localizouse na zona anoxenital en 424 casos, na zona oralbucal en 87 casos e en 278 noutras localizacións.
Así mesmo, 56 pacientes (10,3% dos 544 casos con información) presentaron complicacións ao longo do seu proceso clínico: infección bacteriana secundaria (25 casos), ulcera bucal (12 casos), infección corneal (4 casos), celulite (2 casos), proctite (2 casos), miocardite (1 caso), úlcera xenital (1 caso), faringoamigdalite (1 caso), uretrite(1 caso), fisura anal (1 caso) e 6 casos con outras complicacións.
Houbo 30 hospitalizacións, todos eles foron homes, cunha mediana de idade de 33 anos. No vinte casos nos que a data de ingreso e de alta está dispoñible, a estancia mediana no hospital foi de cinco días. Ademais, rexistrouse un caso que ingresou en UCI por unha sepsis e que foi dado de alta ao cinco días.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.