O Goberno non pensa no traspaso ou rescate da AP-9 e insiste na gratuidade dos tramos en base as subvencións

Fixará "nos próximos meses" o inicio dos descontos na AP-53 e afirma que a rebaixa de peaxes é "o gran debate" da AP-9. Prevé abrir "este mes" o tramo Palas-Melide da autovía de Lugo e tela concluída "neste ano".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2025 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

O Goberno central non ten entre os seus obxectivos inmediatos o traspaso ou o rescate da AP-9 e insiste na política de subvencións para rebaixar as peaxes ou que sexan gratuítas nalgúns tramos. "O gran debate público e a necesidade das familias é que a autoestrada non custe o que está a custar", dixo a este respecto o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

AP-9
AP-9 | Fonte: DGT - Arquivo

Nunha xuntanza informativa cos medios, Blanco lembrou que está en marcha a "segunda bonificación das peaxes" coa idea de "ir aproximándonos á gratuidade total", que é "o que interesa aos usuarios". "Ese ten que ser o noso obxectivo prioritario, o feito de que se traspase ou non se traspase a súa xestión, iso non garante a gratuidade", resumiu.

AUTOVÍA PALAS-MELIDE

Por outra banda, anunciou que o Goberno central prevé que o tramo Palas-Melide da A-54, a autovía de Lugo, "quede este mes aberto" e que a totalidade da infraestrutura estea finalizada "neste ano". Así, ratificou as previsións dadas no seu día polo ministro de Transportes, que sinalou en decembro que este novo tramo estaría operativo "nos primeiros días" do novo ano.

A maiores, tamén ratificou que ao longo deste ano se concluirá o último tramo da A-54, entre Melide e Arzúa. "Eu estou convencido de que neste ano teremos toda a autovía perfectamente terminada", dixo o representante do Goberno.

PEAXES SANTIAGO-DOZÓN

Do mesmo xeito, ratificou o compromiso do Goberno de aplicar os descontos á peaxe da autoestrada Santiago-Dozón (AP-53), algo que inicialmente se expuxo para o arranque de 2025. "Está a traballarse niso", dixo o delegado, que fixou "nos próximos meses" a concreción dunha data para a súa posta en marcha, aínda que reiterou que non estará vinculado a que haxa ou non presupostos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta