A socialista Rosa Dalama, terceira alcaldesa do Irixo en ano e medio tras o pacto co PP

Chega tras unha moción de censura á independente Susana Iglesias, de Xuntos polo Irixo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2025 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A socialista Rosa Dalama converteuse este luns en nova alcaldesa do municipio ourensán do Irixo, que cambia por terceira vez de rexedor en pouco máis de ano e medio desde o inicio do mandato ao prosperar a moción de censura entre PSOE e PP para derrocar á indepediente Susana Iglesias (Xuntos polo Irixo).

Os seis votos que sumaron populares e socialistas --desautorizados estes últimos polo seu partido a nivel provincial-- no pleno extraordinario celebrado na mañá deste luns bastaron para arrebatar o bastón de mando a Iglesias, que chegara á Alcaldía no verán de 2023, apenas dous meses despois do inicio do mandato, grazas ao apoio dos edís do PSOE.

Agora, a concelleira Rosa Dalama convértese na terceira persoa que se fai coa Alcaldía do Irixo desde xuño de 2023, as tres de forzas políticas distintas despois de que o mandato arrincase coa elección do popular Manuel Cedeira. A nova rexedora negou que exista un acordo de goberno co PP (con catro edís polos dous de PSOE, outros dous de Xuntos e un indepediente) e emprazou á celebración do pleno de organización. "Xa se irán vendo as cousas", concluíu.

Rosa Dalama, nova alcaldesa do Irixo
Rosa Dalama, nova alcaldesa do Irixo | Fonte: Concello do Irixo

Agora, a concelleira Rosa Dalama convértese na terceira persoa que se fai coa Alcaldía do Irixo desde xuño de 2023, as tres de forzas políticas distintas despois de que o mandato arrincase coa elección do popular Manuel Cedeira. 

Así o manifestou en declaracións aos medios tras ser proclamada alcaldesa nun pleno no que se comprometeu cos veciños do concello ourensán a trajabar e alcanzar acordos co resto de forzas da corporación, precisamente un dos puntos que levaron ao PSOE a romper o goberno de coalición con Xuntos polo Irixo e promover unha alianza co PP para sacar da Alcaldía a Susana Iglesias, á que acusan de rexer o concello de forma "ditatorial".

O debate da moción de censura rexistrada a finais de decembro congregou a numerosos veciños que fixeron que quedase pequeno o salón de plenos, onde ás 12.00 horas arrincou a sesión coa constitución da mesa de idade, na que o edil José Manuel Nogueira (PP) exerceu de presidente e encargouse de dar lectura ao texto presentado por PP e PSOE para xustificar a súa alianza contra a líder da segunda forza nas eleccións locais de maio de 2023.

Os propositores da moción alegan que Iglesias carece do apoio dentro da corporación ao contar con só dous edís de nove despois de romper o goberno de coalición e que o número dous da lista de Xuntos polo Irixo, Juan Manuel Villanueva, abandonase o grupo para pasar a ser edil non adscrito despois de votar en contra da proposta de orzamentos.

A inestabilidade na xestión "do día a día" que aprecian socialistas e populares do Irixo atribúena á actitude de Susana Iglesias, á que o pleno retirou salario e competencias por un acordo de PP e o exconcelleiro de Xuntos, finalmente recuperadas a principios deste 2025 por orde dos xulgados. Así, afirman que actuou con "continuas faltas de respecto" cara á oposición evocando "cuestións persoais", exerceu o cargo con "sobrada prepotencia" e ter como "único interese" manterse á fronte do concello.

Esta actitude "nin conciliadora", "nin humilde" de Susana Iglesias, que "mente, insulta e confronta cos veciños", sumada á "parálise" do concello, levou a PP e PSOE a subscribir un acordo mes e medio despois da dimisión do tenente de alcalde e responsable de Obras, Iago Fariñas (PSOE), o pasado mes de novembro.

"Non se pode tapar a incapacidade propia dicindo que no Irixo hai moito machismo", recolle o texto da moción de censura, que finaliza alegando que Susana Iglesias "tivo a oportunidade de traballar" polos veciños do municipio ouensano "pero preferiu" a confrontación ata levar ao concello "a unha situación inaudita".

ALCALDESA SAÍNTE

Na súa quenda de palabra, a alcadesa saínte, no cargo desde agosto de 2023 cando a alianza entre Xuntos polo Irixo e PSOE arrebatou o goberno local ao PP de Manuel Cerdeira, reivindicou o traballo feito ao longo do último ano e medio polo goberno que encabezaba ata este luns e enxalzou a "dignidade" dos membros da candidatura pola que foi electa. "Volveremos con máis forza", apostilou.

Iglesias cualificou de "traidor" ao seu excompañeiro de filas Juan Villanueva, ausente no pleno deste luns (Xuntos polo Irixo quedou con só dous concelleiros), ao que engadiu que "dous tránsfugas", en alusión aos concelleiros de PSOE, e "catro investigados por un delito de prevaricación", en dirección ao grupo municipal do PP; "non van" dar "leccións de como ser boas persoas" os membros de Xuntos polo Irixo.

A xa exrexedora fixo, así, mención á apertura dunha investigación por parte do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Carballiño contra os catro edís do PP por un presunto delito de prevaricación administrativa, pero dedicou principalmente as súas críticas cara ás súas, ata hai meses, compañeiros de goberno: o grupo socialista.

Iglesias recuperou as críticas en campaña dos socialistas ao PP para pór o foco nas súas "contradicións", acusou ao tenente de alcalde ata novembro, Iago Fariñas, de levar a cabo "ataques persoais" cara a ela e de carecer "de palabra" á candidata na moción de censura. Todos eles "resentidos", segundo a portavoz de Xuntos, que agradeceu o apoio dos veciños e pechou a súa intervención cun "viva O Irixo!" respondido con aplausos polas ao redor de 50 persoas que seguiron a sesión.

A encargada de defender a postura do PSOE foi a concelleira Rosa Fariñas, que trazou un simil futbolístico para xustificar que "cando alguén non xoga limpo" lle sacase "cartón vermello". Desta forma, acusou a Iglesias de "non respectar nunca" ao PSOE dentro do goberno de coalición, "non acordar" ningunha medida e "preferir os ataques persoais" a alcanzar acordos.

"O que nos distingue de ti, é que a pesar das nosas diferenzas políticas e persoais, somos capaces de sentarnos e chegar a acordos polos veciños do Irixo", aseverou Fariñas, que puxo o acento en que compartir un proxecto coa rexedora saínte "foi imposible" a pesar de compartir "un obxectivo común".

VOTACIÓNS E TOMA DE POSESIÓN

O PP declinou facer uso de quenda de palabra, o que deu paso á votación na que a suma dos catro edís do PP máis os dous do PSOE bastou para imporse aos dous que só sumou Xuntos, co que Rosa Dalama foi proclamada como nova alcaldesa do concello do norte ourensán.

Tras prometer o cargo, Dalama mostrou o seu compromiso en traballar polos veciños na "nova etapa" que se abre na política local con vontade de "alcanzar acordos" co resto do grupo.

En declaracións aos medios finalizado o pleno, a xa nova alcaldesa do Irixo negou que exista un pacto de goberno co PP, que goza da maioría de asentos na corporación con catro de nove polos dous dos socialistas, outros dous de Xuntos e o independente Juan Manuel Villanueva.

Desta forma, circunscribiu exclusivamente o pacto co PP á presentación da moción de censura. "De momento non hai nada. Proximamente teremos o pleno de organización e xa se irán vendo as cousas", concluíu Dalama.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta