Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2025 | Actualizada ás 16:54
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, animou este mércores aos concellos e particulares a apostar polo 'Fermosismo' solicitando as axudas da Xunta para a corrección de impactos paisaxísticos, que conta cun orzamento global de dous millóns de euros para a convocatoria deste ano 2025.
Durante unha visita que realizou a varias actuacións levadas a cabo por particulares en Celanova ao amparo desta orde de axudas, a conselleira explicou que os interesados poderán presentar as súas solicitudes a partir do próximo día 20 de xaneiro. A conselleira lembrou que os particulares poderán recibir ata 3.000 euros para actuar sobre fachadas (o tipo de actuación máis solicitada), cubertas e muros de peche pero tamén se financiará a retirada de elementos adxacentes aos bens nos que se vaia a intervir cando prexudiquen a súa imaxe ou causen algún tipo de impacto.
En canto ás entidades locais, terán á súa disposición un máximo de 40.000 euros (20.000 euros por cada liña) para actuar en edificios e dependencias de servizos municipais -liña 1- ou en construcións, equipamentos públicos e bens do patrimonio etnográfico local -liña 2- que, polo seu aspecto ou deterioración, provoquen unha distorsión na contorna onde se localizan.
En concreto, poderán acometer obras de índole menor que melloren o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos, ou ben incidir na renovación e final exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais. No caso concreto de Celanova, a conselleira puxo en valor que en 2024 foi o segundo municipio que recibiu máis axudas a particulares, con 15 actuacións e máis de 28.600 euros. Ademais, desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2021, xa se financiaron preto de 30 actuacións, por un importe global de máis de 84.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.