Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2025 | Actualizada ás 17:29
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, animou este mércores ás empresas galegas a diversificar mercados e explorar as oportunidades de negocio que ofrece o sector da seguridade e a defensa. Lorenzana visitou as instalacións de Marine Instruments, onde subliñou que "para a Xunta é un orgullo que unha empresa galega como esta sexa punteira e estea absolutamente internacionalizada con establecementos en máis de 30 localizacións no mundo".
Durante a súa intervención, explicou que Marine Instruments aplica xa a tecnoloxía ao medio mariño a través de distintos produtos e servizos e puxo en valor que o seu éxito "está no talento" galego, pero tamén "en como souberon facer esa diversificación e internacionalización do produto".
Na súa exposición, a conselleira destacou que isto "é unha mostra de como a tecnoloxía e a innovación é parte fundamental para que as empresas poidan seguir crecendo e tamén para ver as posibilidades que ofrece a dualidade das tecnoloxías entre a parte civil e a parte de seguridade e defensa".
Ademais, a titular de Economía e Industria puxo en valor que precisamente niso é no que está a traballar a Xunta no sector aeronáutico, "tratando de que as empresas apliquen procedementos industriais duais" para mellorar a competitividade da industria, fomentar a súa internacionalización e impulsar a innovación empresarial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.