Abanca ten un impacto do 16 % no PIB galego e do 15 % no emprego

Traballa con máis de 3.000 provedores, abona 214 millóns en impostos e conta con 4.193 empregados na comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2025 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A actividade económica e o financiamento de Abanca supoñen un impacto de forma global de case o 16 % do Produto Interior (PIB) e o 15 % do emprego en Galicia. Abanca presentou un estudo elaborado polo Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) e o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) con datos a peche de 2023, co que actualiza as cifras dun primeiro informe de impacto xa realizado no ano 2015.

Por unha banda, a actividade corporativa de Abanca xera 1.171 millóns de euros (511 de forma directa e 660 de maneira inducida), un 1,69 % do PIB de Galicia. Supón 11.606 empregos, un 1,11 % do total da autonomía, dos cales 4.193 son de forma directa na comunidade (o 62 % dos que ten a entidade financeira). Por outra banda, o financiamento de Abanca alcanza un impacto de 9.760 millóns (4.882 directos e 4.878 indirectos), o 14,05 % do PIB galego. Isto tradúcese en 145.865 empregos, o 13,8 % do total en Galicia.

MÁIS DE 3.000 PROVEDORES

Así mesmo, Abanca conta con máis de 3.000 provedores, cun impacto de 228 millóns na cadea de aprovisionamento en Galicia. Ademais, abona 214 millóns en impostos e tributos locais. Respecto diso, Melchor Fernández, catedrático da USC do departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC e un dos autores do informe, fixo fincapé na "aposta decidida" polos provedores de Galicia por parte de Abanca e o "efecto dominó" que isto provoca na economía.

A entidade financia destina case 14.000 millóns a preto de 112.700 empresas e autónomos, os cales dan emprego a preto de 580.000 persoas (o 49,4 % do emprego en Galicia). Noutra orde de cousas, a achega de fondos para Afundación e mecenado alcanza os 17,7 millóns de euros. O director xeral de Planificación Estratéxica de Abanca, Pedro Vega, pon o foco na contribución da entidade financeira a un crecemento "cohesionado territorialmente" ao non concentrarse só nas grandes urbes, senón tamén no "resto da comunidade". Resalta que é a única entidade con oficina bancaria en 143 municipios, cunha cobertura que alcanza a 175 concellos entre caixeiros e banca móbil.

EMISIÓNS

Manuel Fernández, profesor titular da USC e investigador do Idega, debullou os datos sobre as emisións de CO2 de Abanca, que supoñen o 0,4 % do total de Galicia (o 0,11 % de forma directa e o 0,31% indirecta). Unha taxa que alcanza o 12 % do global de emisións galegas se se ten en conta o financiamento, cifra inferior ao 14 % do impacto económico de Abanca neste apartado. Aquí fíxose fincapé por parte de Abanca no interese por financiar proxectos en favor da descarbonización.

De esquerda a dereita, Melchor Fernández, catedrático da USC; Pedro Vega, director xeral de Planificación Estratéxica de ABANCA, e Manuel Fernández, profesor da USC
De esquerda a dereita, Melchor Fernández, catedrático da USC; Pedro Vega, director xeral de Planificación Estratéxica de ABANCA, e Manuel Fernández, profesor da USC | Fonte: ABANCA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta