O BNG dá á Xunta un mes para crear un comité de expertos que analicen as causas da perda de produtividade das rías

Tamén reclama orzamentos para poder afrontala.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2025 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O BNG urxe á Xunta a analizar as causas da perda da produtividade das rías galegas e reclama medidas e orzamentos para poder afrontala. Para iso, a deputada nacionalista responsable de Mar no Parlamento galego, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa na que pon á Consellería do Mar o prazo dun mes para reunir unha comisión de estudo coas "mellores cabezas pensantes" das universidades e dos centros de investigación galegos para que, xunto ao sector, analicen as causas desta situación.

O BNG, nun comunicado, fixo referencia aos datos da Plataforma Tecnolóxica da Pesca, da Consellería do Mar, que reflicten "unha baixada" de 24.000 toneladas na venda de peixe nas lonxas galegas o pasado ano respecto de 2023, o que supuxo "30 millóns de euros menos" de facturación, un "7,5 %" inferior. Ademais, outro dato negativo móstrano os permisos de marisqueo coa redución de 222, un 6,3 % menos.

Ante esta situación, a responsable de Pesca do BNG emprazou ao Executivo galego a actuar con medidas que fagan fronte a esa situación xa que "non é tempo de remedios e de política de parches". "A Xunta é quen ten que pór o diñeiro enriba da mesa para afrontar o problema en toda a súa gravidade", incidiu. Rosana Pérez criticou que as cifras de Mar constatan "o propio fracaso e ao propia irresponsabilidade" (en referencia á Consellería) en materia de pesca e marisqueo, onde a Xunta ten competencia exclusiva.

Na iniciativa, o BNG demanda que se cumpra o acordo alcanzado por unanimidade no Parlamento, o pasado 28 de maio, e se constitúa no prazo dun mes a comisión de expertos. A partir dese punto, a formación nacionalista propón crear unha relación de actuacións máis urxentes a realizar segundo as propostas desa comisión de estudo, así como habilitar as partidas orzamentarias necesarias para executalas de inmediato.

Rosana Pérez
Rosana Pérez | Fonte: BLOQUE NACIONALISTA GALEGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta