Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2025 | Actualizada ás 18:19
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanza que o Grupo Socialista presentará unha emenda á totalidade ao proxecto de lei de intelixencia artificial (IA) aprobado polo Consello da Xunta e que defenderá o PP no Parlamento galego, posto que o tacha de "mera adaptación do xa existente".
Este sábado, o PSdeG celebrou unha nova xornada do ciclo 'Diálogos con Raíz', neste caso na Coruña, no que Besteiro chamou a converter a ciencia e a innovación nunha "verdadeira aposta de futuro" que beneficie ao "conxunto da sociedade". Este foi o primeiro acto de Besteiro despois de que o pasado venres fose proclamado de forma definitiva como secretario xeral do PSdeG tras ser o único candidato que se postulou nas primarias da formación. O líder dos socialistas galegos chama a aprobar unha lei máis ambiciosa neste ámbito que aproveite as oportunidades desta tecnoloxía. "Estamos a tempo de mellorala", agrega.
Así, sitúa o avance tecnolóxico "no centro do discurso do partido" e critica que o PPdeG "recorte en investigación sanitaria" do 10 % nos orzamentos da Xunta de 2025, ata só 23 millóns. Pon de exemplo que os 106 millóns para investigación universitaria é inferior aos 123 millóns para a CRTVG. Pon en valor a aposta do Goberno central para situar na Coruña a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), "unha oportunidade única para situar a Galicia no mapa da innovación e do progreso tecnolóxico a nivel nacional e europeo". Esta cita albergou mesas redondas nas que participaron, entre outros, o presidente da Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; o catedrático Salvador Naya; María de la Fuente, investigadora de referencia en oncoloxía, e o catedrático de Ciencias da Computación Senén Varro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.