Os eurodeputados do PPdeG piden excluír a conserva de atún do acordo de libre comercio con Tailandia

Referíronse á "imposibilidade" de competir en prezo co produto tailandés, debido aos "baixos custos de produción" e aos "baixos estándares sociais e ambientais do país".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2025 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

Os eurodeputados do PPdeG, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, enviaron esta semana unha carta aos comisarios europeos de Comercio e de Pesca sobre o futuro acordo de libre comercio con Tailandia. Deste xeito, os eurodeputados galegos trasladaron a súa preocupación por "posibles concesións" en materia de conservas de peixe, un produto que cualificaron de "moi sensible". "A industria conserveira é esencial para a economía de moitas comunidades costeiras. Por exemplo, en Galicia supón máis de 12.000 empregos e é moi intensiva en man de obra feminina", reivindicaron. Ademais, sinalaron que "acordar concesións arancelarias nesta área sería moi problemático para a industria conserveira europea".

Neste sentido, referíronse á "imposibilidade" de competir en prezo co produto tailandés, debido aos "baixos custos de produción" e aos "baixos estándares sociais e ambientais do país". Así mesmo, denunciaron o "retroceso" na lexislación de pesca aprobada polo Parlamento tailandés a finais do pasado decembro. Con todo, Millán Mon e Vázquez reiteraron a súa petición de evitar concesións en materia de conservas de peixe e pediron a ambos os comisarios "estreita coordinación" durante as negociacións deste acordo de libre comercio co país asiático.

POLÍTICAS DE RETORNO

Por outra banda, o PPdeG trasladou ao colectivo de galegos residentes en Panamá, así como a toda a diáspora en Centroamérica e outras rexións, as políticas de retorno que a Xunta "pon á súa disposición" e que contribúen a que "Galicia funciones máis aló das súas fronteiras". Así o trasladaron esta semana a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda, nunha reunión coa representante do Partido Popular en Panamá, Mariela Estévez, na que abordaron a situación que afrontan os máis de 4.000 galegos residentes no país. Entre as cuestións que se trataron está o compromiso de manter o contacto coa colectividade galega residente en Panamá para "reforzar" os vínculos das novas xeracións. Tamén se referiron á necesidade de "profundar" en políticas de retorno que "faciliten a empregabilidade".

Os eurodeputados do PPdeG, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez
Os eurodeputados do PPdeG, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez | Fonte: PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta