Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 17/01/2025 | Actualizada ás 17:51
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o portavoz do grupo municipal do Partido Socialista, Iván Puentes, compareceron este venres para anunciar que BNG e PSOE alcanzaron un acordo para aprobar os orzamentos do Concello de Pontevedra para este ano 2025. Segundo detallou o rexedor, a firma deste acordo permite a aprobación do orzamento máis alto da historia do municipio pontevedrés, que chega ata os 98.632.000 euros.
Lores agradeceu a "disposición e compromiso" dos concelleiros socialistas para aprobar este orzamento, así como as súas trinta achegas "á hora de enriquecelo", dixo. O alcalde asegurou que se trata dun "orzamento de futuro", que "nos vai a permitir adiantarnos aos retos que están por chegar ao longo dos próximos anos". Entre os eixos fundamentais deste orzamento, segundo destacou o alcalde, atópase a súa adaptación e loita contra o cambio climático, así como a mellora da calidade de vida da poboación do municipio, a promoción e proxección da cidade e a continuidade ao mantemento e o sostemento dos espazos públicos e dos equipamentos municipais.
Concretamente, Lores referiuse ao contrato de tratamento e xestión do lixo que está licitación ou a ordenanza de residuos xa aprobada; ademais da renaturalización do río Gafos, a continuidade na renovación da iluminación pública e nos proxectos relacionados coas Zonas de Baixas Emisións, entre outros. Tamén citou outros proxectos incluídos neste orzamento como a creación do Parque da Parda, a reurbanización e mellora dos servizos enterrados nas rúas Casimiro Gómez, Luís Seoane e Pasantería; xunto cos proxectos de Mollavao e Rosalía de Castro, e a creación de novos parques urbanos.
PROPOSTAS DO PSOE
As propostas que o PSOE logrou incluír no orzamento cífranse nuns 4,1 millóns de euros. Entre elas, destaca a elaboración dun estudo para a mellora da mobilidade no ámbito de San Roque e Reina Vitoria que oriente a ordenación do tráfico, entre Campo da Torre e Palamios. Ademais, impulsarase a redacción dos proxectos para renaturalizar a ribeira urbana do Lérez en Rafael Areses, Juan Manuel Pintos e Domingo Fontán ou para a restauración ambiental do tramo final do Gafos entre Rosalía de Castro e As Corbaceiras.
Tamén se dará un impulso á mellora do parque de Valdecorvos, á recuperación do ámbito dos Salóns do Lérez e da praia fluvial, á urbanización da parcela baixo a ponte da AP-9 en Mollavao ou á creación dun circuíto de pump-track en Monte Porreiro. Iván Puentes expresou a súa "satisfacción por chegar a este punto", agradecéndolle ao equipo municipal do BNG "a súa disposición ao diálogo e entendemento". O portavoz socialista indicou que coa firma deste acordo culmínanse dous meses de negociacións entre dúas formacións políticas "que se pon de acordo á hora de aprobar un orzamento e de ver que queremos facer en Pontevedra durante ese ano 2025".
Tamén recoñeceu que "é evidente que este non é o orzamento que faría o BNG en solitario ou o que faría o PSdG en solitario", pero destacou que "isto non é unha debilidade", senón que o sinalou como "unha enorme fortaleza ao xurdir un orzamento do mellor que pode haber en política, como é o consenso e o diálogo, a capacidade de pornos de acordo por enriba de enfrontamentos permanentes, en beneficio dunha cidade e da súa veciñanza", indicou. "A confrontación permanente como a que practican outros dá moitos titulares, pero non nos leva a ningún lado bo", sentenciou Puentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.