Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2025 | Actualizada ás 11:30
O xefe de filas do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967), asegura sentirse "profundamente avalado" pola militancia tras o proceso aberto polo partido para renovar á dirección, na que avanza que poderá haber algún cambio, e apela á "acción colectiva" de todos os socialistas para configurar o "proxecto transformador" que debe ser o Partido Socialista. "Neste camiño por diante eu non podo estar só, polo que pido esa acción colectiva de todos os militantes nese proxecto transformador no que se ten que converter o PSOE", afirmou nunha entrevista concedida a Europa Press tras ser proclamado de novo secretario xeral do PSdeG.
Besteiro, que pon en valor que o militante sexa "o centro do mundo político no PSOE", lembra que as "normas son iguais" para todo o socialismo e rexeita que o feito de que a maior parte dos cargos do partido apoien a súa candidatura poida impedir unha posible renovación, como así sostivo o vigués Gonzalo Caballero. "Eu non comparto iso, hai unhas normas absolutamente claras que permiten que calquera militante sexa secretario xeral", dixo para rexeitar tamén que poida haber unha militancia "teledirixida". "A forza que ten cada militante é a que dirixe todo este proceso", incide.
Nun contexto no que os dirixentes socialistas que saíron a darlle o seu apoio incidiron na necesidade de dar tempo ao político lucense para que configure o seu proxecto de cara ás próximas autonómicas e preguntado sobre se optará tamén ás primarias para ser o candidato do PSdeG á Xunta, Besteiro lembra que vale tanto o voto dun cargo orgánico ou institucional como o dun militante da agrupación menos numerosa de Galicia e asegura que toca traballar por "construír un proxecto ambicioso" e "transformador" desde unha "visión positiva de Galicia e orgullosa do seu potencial".
"E dentro duns anos haberá eleccións e nese momento falaremos para iso, pero, evidentemente, esa pode ser unha opción máis que real nese sentido, pero dentro de tres anos", afirma para insistir en que o que lle "preocupa" nestes momentos é potenciar a "capacidade transformadora" do PSOE, como "único partido que realmente é capaz de propiciar o cambio" en Galicia.
"SEMPRE SE PRODUCEN CAMBIOS, RENOVACIÓNS, ADAPTACIÓNS"
Na entrevista concedida a Europa Press tras a súa proclamación definitiva como secretario xeral, Besteiro avanzou que fará algún cambio na súa executiva. "Sempre se producen cambios, renovacións, adaptacións", sostivo, convencido de que "o importante" é que este equipo "recolla cal é o sentir do partido e da unidade do partido". "Eu son unha persoa que traballa sempre cos equipos, pero, ademais, coa idea de que nos órganos que saen dun congreso se sentan reflectidos a inmensa maioría dos militantes do partido", detalla. Para iso, explicou que manterá contactos ata a propia celebración da cita orgánica. "Os contactos nunca se detiveron. Hainos, hóuboos e haberaos ata o 8 de marzo", apuntou.
REARMAMENTO IDEOLÓXICO E PRESENZA FEDERAL
Besteiro fixo fincapé na importancia do rearmamento ideolóxico do partido nesta cita orgánica, máis aló das caras que conformen a cúpula do PSdeG. "O traballo do relatorio vai ser moi importante, que se visualice non só quen van facer esa política, senón que política", dixo para lembrar que "todos os militantes están emprazados" a traballar nese documento. Precisamente, para lograr volver situar ao PSdeG como primeira forza da esquerda en Galicia, Besteiro subliñou a importancia de "falar dos problemas reais" dos galegos e deixou claro que todo o que sexa propio de Galicia "non pode ser alleo" ao socialismo.
"O noso compromiso co país vai ser absolutamente claro e, ademais, aplicando os nosos principios: a xeración de igualdade de oportunidades e a profunda solidariedade en todos os campos", apunta nunha entrevista na que rexeita que a súa sintonía coa dirección federal poida facer que se perciba ao PSdeG como unha sucursal de Madrid. "Non debe ser así. Somos socialistas e é certo que temos unha sintonía con outros socialistas do Estado e do resto de Europa", explica para apelar tamén á necesidade de defender os valores socialistas fronte a "ameazas" como o avance do "totalitarismo". Ademais, preguntado respecto diso, confía en que o secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, acuda a Galicia para asistir ao XV Congreso do PSdeG. "Seguramente si, porque a súa intención é acudir a todos os congresos de todas as federacións", dixo, aínda que recoñece que polo momento é unha presenza que aínda non está confirmada.
CONGRESOS PROVINCIAIS
Tras a celebración da cita galega, os socialistas encararán en fervenza a renovación das súas estruturas provinciais e locais. "Eu, como fillo das primarias que fun, confío moito neste proceso e, por tanto, terá que haber cambios onde a militancia decida que ten que habelos". "A normalidade democrática imponse", subliñou. Deste xeito, rexeita que estes procesos internos poidan erosionar electoralmente ao partido. "Non podemos descualificar o proceso porque haxa ruído. A democracia é ruído, a política é ruído", destacou para defender a liberdade das bases e a súa capacidade para decidir co seu voto.
"UN PPDEG CON ACTITUDES MOI ULTRAS"
Na entrevista e preguntado polos retos para o novo período de sesións que arrinca na Cámara galega, destacou que o PSdeG seguirá pondo enriba da mesa os problemas da Galicia "real" fronte a un PPdeG que "non quere prestar atención" ás necesidades dos galegos e está "absolutamente desacomplexado", con "actitudes moi ultras". "Esa atención especial a Galicia Real, que é moi diferente da que nos quere ensinar todos os días Rueda e o Partido Popular, é a que vai ser obxecto diario do noso traballo en todos os ámbitos e non só o autonómico, senón tamén o local, o estatal e o europeo", trasladou. Por último, sobre as relacións entre o PSdeG e o BNG, Besteiro considerou que debe de haber "unha relación normalizada" entre a forza da esquerda, pero considerou que o PP ten "un especial interese en situar como único referente da oposición ao BNG". "Trata de ocultar ao PSOE porque sabe que o PSOE é un partido capaz de distorsionar o mapa electoral" fronte a un BNG con "verdades ocultas", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.