Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2025 | Actualizada ás 13:03
O PPdeG volveu a reclamar ao Goberno central a elaboración dun estudo sobre o custo económico que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9 en cumprimento do mandato trasladado tanto polo Parlamento de Galicia como polo Congreso dos Deputados. Para iso, os deputados galegos Celso Delgado, Tristana Moraleja e Pedro Puy rexistraron unha pregunta na Cámara Baixa e piden saber se o Ministerio de Transportes elaborou xa o estudo.
Nun comunicado, os populares galegos lembraron que o 25 de setembro de 2024 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular na que solicitaba ao Goberno central a elaboración dun "estudo serio e minucioso" sobre o sobrecusto que suporía o rescate e gratuidade da AP-9. Anteriormente, no pleno do Congreso, do 13 de xuño, e con ocasión do debate dunha moción sobre a autoestrada do Atlántico, xa fora aprobado un texto transaccionado polo PP no que instaban o Goberno a encargar un estudo no que buscase as vías xurídicas para a anulación da prórroga.
Con todo, agora tras as bonificaciónes aprobadas polo Goberno central hai un "cambio substancial" no escenario no que se enmarcaba o debate sobre os custos da transferencia e rescate, que levaría tamén a gratuidade do viario. Coas novas cifras, o custo da indemnización por rescate, segundo o PPdeG, aplicando unha taxa de desconto (2.331 millóns de euros) e o custo das bonificacións ata final de concesión, "parécense de forma considerable".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.