O detido pola agresión mortal á súa nai en Cerdedo-Cotobade está en condicións de declarar segundo un informe

O home pasará a disposición xudicial este mércores

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2025 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

O home detido por propinar unha malleira en Cerdedo-Cotobade á súa nai, falecida o 17 de xaneiro tras permanecer máis de dúas semanas ingresada, pasará a disposición xudicial este mércores despois de que un informe forense determinara que está en condicións de declarar.

Así o confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que trasladou aos medios que este martes o xulgado de instrución número 2 de Pontevedra recibiu o informe requirido ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) sobre o estado do detido, ingresado na unidade de psiquiatría do hospital Montecelo despois de ser detido como presunto autor da agresión.

O documento establece que, unha vez examinado, o estado de saúde do suposto autor da agresión que acabou coa vida da súa nai de 79 anos permítelle declarar ante o xuíz que instrúe o caso.

Desta forma, o investigado, de 46 anos de idade e que residía habitualmente no municipio de Barro, foi arrestado e está previsto que pase a disposición xudicial en Pontevedra na mañá deste mércores.

MALLEIRA O 2 DE XANEIRO

Os feitos producíronse no mediodía do pasado 2 de xaneiro na vivenda en residíaa a vítima, na parroquia de Santa María de Sacos do municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.

A nai foi localizada tirada no chan por veciños, que chamaron aos servizos de emerxencia. Foi evacuada en estado crítico ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde faleceu o venres 17 de xaneiro, 15 días despois da agresión.

O fillo foi arrestado nas inmediacións da casa, onde se concentraba un grupo de veciños que avisaron á Garda Civil da presenza do sospeitoso.

Tras ser detido, foi trasladado á unidade de psiquiatría do Hospital Montecelo de Pontevedra, de onde será levado ante o xuíz unha vez que se coñece o informe forense que certifica que se atopa en estado de prestar declaración.

A porta da casa onde un home propinou onte unha malleira á súa nai, cun precinto da Garda Civil / Beatriz Ciscar - Arquivo / Europa Press
A porta da casa onde un home propinou onte unha malleira á súa nai, cun precinto da Garda Civil / Beatriz Ciscar - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta