Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2025 | Actualizada ás 14:18
O programa galego de detección precoz de cancro de pescozo uterino, posto en marcha pola Xunta en 2021, diagnosticou ata decembro un total de 41 casos, dos que o 76 % estaban en fase inicial, segundo se deu a coñecer no balance realizado pola Consellería de Sanidade, coincidindo coa semana europea de prevención deste tipo de cancro. Tal como informou o Goberno galego nun comunicado, este cribado, que comezou na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e que xa está implantado en toda a Comunidade, mellora a posibilidade de tratamento e supervivencia das pacientes.
Desde o seu inicio, convidouse a participar a máis de 260.000 mulleres, máis dun 41 % das galegas entre 35 e 65 anos. Así, analizáronse preto de 150.000 mostras, alcanzando unha participación superior ao 56 %. A positividade global ao virus do papiloma humano situouse no 6,7 % e, ata decembro, realizáronse colposcopias a máis de 4.400 persoas, detectándose 41 cancros. O cancro de pescozo de útero sitúase como o cuarto en frecuencia no mundo entre as mulleres e o segundo entre as mozas de entre 11 e 44 anos a nivel europeo, tras o de mama. En Galicia, segundo os datos dispoñibles, entre 1996 e 2013 rexistrouse unha media de 49 mortes por esta enfermidade ao ano. A Xunta indicou que a poboación diana deste criado son as mulleres de entre 35 e 65 anos residentes en Galicia e con cobertura sanitaria polo sistema público. A invitación realízase mediante carta ou SMS.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.