Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2025 | Actualizada ás 14:51
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu unha carta a todos a rexedores da área propóndolles un escrito aberto para facer unha fronte común para reclamar a gratuidade do tramo da autoestrada AP-9 entre a capital da provincia e Vigo. Nunha comparecencia celebrada este mércores, Lores presentou o documento que dirixiu aos alcaldes de Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Cangas, Moaña, Bueu, Marín, Poio, Barro, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, aínda que a proposta "obviamente, está aberta á posibilidade de incorporación doutros concellos que mostren interese".
Lores recalcou que este texto é "un borrador aberto a suxestións, achegas e correccións" que os alcaldes poderán facer durante os próximos dez días, para logo redactar con todas elas un texto definitivo e proceder á súa firma e remisión aos seus destinatarios. Na súa misiva, o rexedor lembra que a autoestrada AP-9, no tramo entre Pontevedra e Vigo, tivo inicialmente unha concesión ata o ano 2013, posteriormente prorrogada ata o 2023 e, despois, novamente prorrogada 25 anos máis ata o 2048. Sostén que no tramo Pontevedra a Vigo danse unhas "circunstancias especiais que se deben ter en conta", sen menoscabo das reivindicacións da liberación da peaxe en toda a autoestrada ou noutros tramos, engade, xunto ao recoñecemento das melloras que supuxeron as bonificacións para O Morrazo e as actuais para usuarios recorrentes.
Segundo explica o alcalde, Pontevedra e Vigo forman parte, xunto co Morrazo e os concellos da Ría de Pontevedra dunha mesma conurbación, "unha mesma área metropolitana". Ademais destaca a "carencia dunha alternativa" de comunicación por estrada entre ambas as cidades "digna para os parámetros e condicións actuais". A terceira circunstancia na que incide Lores na súa proposta é a "profunda asimetría" entre as relacións entre O Morrazo e Vigo, "subvencionada a conexión con Vigo, pero non así a conexión con Pontevedra". Por estes motivos, o alcalde da cidade do Lérez conclúe que "é de xustiza a petición de que se libere de peaxe o tramo da autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Vigo, e se dea cumprimento a esta reivindicación histórica". Estas peticións dirixiranse ao Ministerio de Transportes e aos grupos políticos do Congreso e do Senado, para que as tomen en consideración "e adopten as medidas e iniciativas para darlle cabal cumprimento".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.