Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2025 | Actualizada ás 14:45
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, aproveitou o pleno do Parlamento Europeo para trasladar ante o presidente do Consello Europeo, Antonio Costa, "as nefastas consecuencias" do proxecto de Altri en Palas de Rei. "Altri, non. Trasladeille esta idea ao portugués Antonio Costa, un proxecto que coñece ben porque antes estaba en Portugal e de alí botárono e nós non queremos que este proxecto veña a Galicia", explicou Miranda respecto da sesión plenaria en Estrasburgo. Enmarca esta intervención na ofensiva que realiza nas institucións europeas en contra da instalación de Altri en Galicia, unido á contestación social que levantou o proxecto na comunidade.
O BNG alerta do consumo previsto por Altri de 1,2 millóns toneladas de eucalipto ao ano, a afectación de Rede Natura, un consumo de auga de 46 millóns de litros de auga ao día e unha vertedura ao río Ulla entre os 27 e os 29 graos, que "afectaría non só á flora e fauna da zona, senón de forma moi grave ás zonas pesqueiras e marisqueiras da ría de Arousa". Igualmente, a eurodeputada referiuse a outras cuestións como a importancia de que Galicia sexa incluída nas Redes Transeuropeas de Transporte e cuestións como a vivenda, "unha das maiores preocupacións" dos galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.