Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2025 | Actualizada ás 13:33
Nacionalistas e socialistas puxeron o foco no modelo de atención das persoas maiores en Galicia. Un modelo, din, que está privatizado e mal xestionado. Por iso, ambas formación anuncian unha batería de medidas na Cámara galega.
Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou a terminar co modelo do sistema de atención ás persoas maiores e con dependencia do Partido Popular na Xunta, que por "motivos ideolóxicos" aposta por "drenar" recursos públicos para "favorecer" ás empresas privadas e "carga" cos coidados ás mulleres. Cnsurou que Galicia está "á cola" na tramitación de peticións de dependencia cunha media "de 386 días" de espera, "máis do dobre" do establecido pola lei, que o fai ocupar o "último lugar" na lista de comunidades respecto da poboación dependente potencia.
A iso sumou a situación do sistema de axuda a domicilio, que se atopa "infrafinanciado" e "colapsado". "Desde anos só hai altas por falecemento, é dicir, para recibir axuda no fogar teñen que esperar a que outro faleza. Así de duro e así de real", aseverou Pontón. Fronte ao que o Bloque considera un sistema que "vulnera os dereitos" das persoas maiores "deteriorando a súa calidade de vida e o das persoas que os coidan, que son maioritariamente mulleres", Pontón apelou a pór en marcha un modelo que sitúe o sistema público de coidados "nun nivel similar" ao que teñen a sanidade e a educación, ao considerar que se trata do "terceiro alicerce do estado de benestar".
"Falamos de persoas", aseverou, antes de avanzar a presentación dunha batería de iniciativas que reclamarán á Xunta "cambios reais efectivos, en primeiro lugar, incrementando de 12 a 20 euros a achega por hora de prestación do servizo de axuda a domicilio. Pontón indicou que este servizo recae na actualidade nos concellos, entre os que hai administracións locais "con apenas 3 millóns de euros de orzamento" que "asumen o que non fai a Xunta".
PSdeG
Tamén a portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, reclamoulle ao goberno galego que defina o modelo de residencias de maiores para os próximos 8 anos e que garanta as condicións de formación, remuneración e dereitos do persoal que se encarga dos coidados das persoas maiores e dos dependentes. Longueira presentará unha moción no primeiro Pleno do ano para reclamarlle ao goberno galego que tome medidas urxentes para evitar o colapso da atención á Dependencia en Galicia.
A responsable socialista advirte que o sistema “non conta con ningunha previsión” para atender á emerxencia demográfica de Galicia, que anticipa o incremento dos dependentes previsto para os próximos oito anos nunha poboación que conta neste momento con máis de 400.000 galegos e galegas entre os 55 e 64 anos. Reclamoulle ao goberno galego que poña en marcha tódolos seus recursos e competencias dispoñibles para afrontar un dos principais retos da próxima década.
Ademais, urxiulle a definir o modelo de residencias para o horizonte inmediato, tendo en conta o envellecemento previsto da poboación e as diferentes casuísticas de enfermidades neurodexenerativas, doenzas psiquiátricas e infraestruturas de proximidade para os usuarios e usuarias previstos. Reclamoulles que incorporen as recomendacións técnicas e tamén as aportacións das plataformas cidadás que piden residencias de proximidade máis pequenas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.