Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/03/2016 | Actualizada ás 12:00
Despedimentos inxustificados, ameazas e falta de persoal. Esta é a situación que se vive no Media Markt en Vigo, segundo denuncian os representantes no comité de empresa de Comisións Obreiras e CIG. Curiosamente, non parece que á empresa lle sobre persoal, xa que ao tempo que se prescinde de traballadores se fan novos contratos a outros.
Tanto CCOO como CIG denuncian que a empresa se está a aproveitar da reforma laboral para despedir persoal con contrato a tempo completo para, no seu lugar, facer contratos por horas.
Os sindicatos tamén expoñen que se están deteriorando as condicións laborais, coa obriga de traballar domingos e de facer horas extraordinarias. Así mesmo, din que o persoal, en moitos casos, descoñece o seu propio horario o día antes de comezar a xornada e que as ameazas de despedimento son "constantes".
"Criticamos o degradado sistema de relacións laborais dunha empresa que se gaba na prensa do seu modelo empresarial. Denunciamos, así mesmo, que hai «ameazas constantes» de despedimento para que o persoal non proteste ante a deterioración das condicións de traballo", denuncian os sindicatos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.