Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/03/2016 | Actualizada ás 17:19
Había aramios, muros tendas de campaña improvisada e moitos cartaces en contra da política da UE. Era un campamento de mentira que o BNG montou este venres no centro da Coruña para denunciar a situación dos refuxiados sirios e o acordo da UE con Turquía.
Un campamento que, a diferencia dos da fronteira grega, foi montado e desmontado en tempo récord como “acto simbólico de protesta ante o trato inhumano que están recibindo miles de persoas refuxiadas”. Non era este o campo real, nin de lonxe, no que viven milleiros de sirios en condicións case infrahumanas, “pero imaxinemos o que pode ser un campamento enlamado, no que se pasa frío e fame, e sen as mínimas condicións de dignidade para a vida humana”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, na coruñesa Praza da Fariña.
“Sentimos vergoña desta Europa que pecha fronteiras ante un drama humanitario que contribuíu a xerar, unha Europa a que non lle importa que haxa miles de persoas morrendo as súas portas, que está a negociar un acordo indigno con Turquía repetindo erros do pasado”, suliñou a deputada nacionalista.
Por iso, o Bloque reclama unha solución urxente a esta crise humanitaria pero tamén demanda un cambio radical na política internacional. “Hai que reformular toda a política internacional, porque detrás deste drama está unha política imperialista practicada tanto polos EEUU como polos países centrais da UE, e temos a obriga de reclamar unha nova orde internacional baseada no respecto polos dereitos dos pobos a vivir en paz”, argumentou Pontón.
A portavoz nacional insistiu en que o Bloque vai seguir do lado “do dereito das persoas, da dignidade, da igualdade e de que non se alimente unha política xenófoba e racista que estamos vemos se estende por unha parte de Europa”, advertiu.
Segundo o BNG, ducias de militantes e simpatizantes sumáronse a este simulacro de campamento de refuxiados no corazón da Coruña, como novo acto de protesta do BNG despois de que a formación nacionalista teña retirado a bandeira da UE das institucións que goberna como medida de repulsa e protesta.
No acto, estiveron, ademais de Pontón, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goreti Sanmartín ou o Secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, entre outros cargos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.