Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2025 | Actualizada ás 14:24
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático descartou ampliar a emerxencia cinexética, decretada en outubro e que concluíu este domingo, para controlar a poboación de xabaril aínda que ve necesario manter un "control especial" sobre esta especie. Así o informaron a Europa Press fontes do departamento autonómico, que precisaron que, non entanto, estas cuestións abordaranse no grupo de traballo existente para abordar as incidencias provocadas polo xabaril e as medidas a adoptar e que se reunirá este martes, día 25.
Con todo, avanzaron que, tras un estudo da situación actual, a Consellería concluíu que é necesario manter un control especial sobre o xabaril. "Descartada a prórroga da emerxencia cinexética nos próximos catro meses (desde o 1 de marzo ata o 30 de xuño ambos os dous incluídos), óptase por un protocolo con medidas de reforzo", apuntan. Ademais, engaden que "o principal beneficio, fronte á emerxencia cinexética, é que poderán solicitarse batidas preventivas e non só cando se produciron danos".
"Estas, suxeitas á preceptiva autorización, serán factibles cando os xabarís xa provocaron afeccións nas proximidades". "É dicir, no caso de danos recorrentes ou repetitivos nunha determinada zona", apuntan. As solicitudes poderán cursarse para calquera día da semana, sen límite, e serán resoltas nunha marxe de 24 horas. Bastará, precisan, co envío dun correo electrónico. O obxectivo deste protocolo é "axilizar a autorización de medidas de control do xabaril, á vez que se respecta o período de cría das especies silvestres, que coincide, ademais, coa época de sementeira".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.