Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/03/2025 | Actualizada ás 21:45
Ao longo dos séculos, a Historia da emigración galega estivo dominada pola imaxe do home que parte na procura dun futuro mellor mentres a muller queda no fogar, ao coidado da familia e da terra. Sen embargo, esta visión oculta unha realidade moito máis complexa: as mulleres galegas foron protagonistas activas dos movementos migratorios, desafiando as normas de xénero e converténdose en sustento económico das súas familias e, en moitos casos, delas mesmas, pois nin sequera chegaban a casar. Dende as traballadoras do servizo doméstico en Madrid ou Bos Aires ás obreiras que poboaron as fábricas téxtiles en Cataluña e no País Vasco, as galegas desenvolveron estratexias propias para integrarse en novas contornas laborais e redefinir o seu papel na sociedade, chegando moitas delas a emprender e formar pequenos negocios. Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller, Galicia Confidencial fala hoxe con Ofelia Rey Castelao, historiadora e escritora galega de recoñecido prestixio que ten investigado moito sobre a figura da muller migrante e que hoxe nos abre a fiestra a unha nova mirada sobre a muller no pasado de Galicia.
"As mulleres tiveron que traballar ao longo de todas as épocas históricas, non hai ningunha muller que non tivese traballado", asegura Rey Castelao, que apunta a que "esta idea de ama de casa que unicamente coida do seu fogar é algo do século XX e exclusivo dalgunha burguesía". "A muller metida na casa é só produto urbano, só era un fenómeno que se daba nas cidades, pois en Galicia, no mundo rural, nunca existiu tal cousa, porque as mulleres sempre traballaron no campo exactamente igual que os homes", reivindica a historiadora, que incide en que "a muller unicamente como ama de casa correspóndese con fogares aos que chegaba un soldo e con casos nos que as mulleres tiñan que facerse cargo do coidado de moitos nenos, o que lles dificultaba o poder saír traballar fóra". Así, estas circunstancias déronse fundamentalmente "no século XIX" e "sobre todo nas grandes vilas industriais". Con todo, asegura que "nin sequera neses casos podemos dicir que estas mulleres non fixesen nada máis que adicarse a tarefas do seu fogar, porque moitas, aínda estando a maioría do tempo na casa, tamén traballaban, e facíano, por exemplo, no servizo doméstico por horas ou facendo fases do traballo téxtil dende a casa". Estes modelos tamén foron reproducidos por moitas galegas que vivían en Alemaña cos seus maridos e que, mentres estes traballaban na industria, elas traballaban na casa coa máquina de coser facendo pezas para fábricas téxtiles, obtendo tamén a súa retribución económica.
"O SERVIZO DOMÉSTICO DE MADRID NO SÉCULO XIX ESTÁ INTEGRADO PRACTICAMENTE NA SÚA TOTALIDADE POR MULLERES GALEGAS E ASTURIANAS"
Deste xeito, "a necesidade de traballar implicaba, en moitos casos, ter que facelo fóra da casa, polo que ao longo da historia atopamos varios tipos de mobilidade ou migración feminina". A máis común e frecuente, segundo apunta a historiadora, é a mobilidade das mulleres do campo á cidade. "As cidades na Idade Moderna (séculos XV-XVIII) eran fundamentalmente femininas, é dicir, había nelas moitas máis mulleres que homes, un patrón que se repetía por toda Europa", conta, reivindicando que "tamén nas cidades actuais hai moitas máis mulleres que homes, porque a maior parte da migración cara as grandes urbes segue sendo maioritariamente protagonizada por mulleres". Máis en concreto, Rey Castelao apunta a que, na España do século XVIII, "grandes cidades como Madrid atraen a moitísimas mulleres porque as precisan para traballar no servizo doméstico e para realizar funcións de nutriz". Se falamos de lugares de procedencia, "o servizo doméstico da capital española no século XIX está integrado practicamente na súa totalidade por mulleres galegas e asturianas, así como por algunhas chegadas de zonas próximas a Madrid".
"Moitas destas mulleres migraban ás grandes cidades para poder xuntar uns cartos que lle permitisen logo casar, de maneira que moitas volvían uns anos despois ás súas vilas de orixe", conta a historiadora. Con todo, co paso do tempo, e a medida que puideron ir aforrando, "tamén houbo moitas mulleres que abadonaron os labores domésticos pero non para volver as súas vilas, senón para abrir con eses aforros pequenos comercios, mercerías, lavandarías...". E é que non todas as mulleres da época, nin moito menos, desexaban casar ou chegaban a casar. Así, "moitas delas traballaban para poder vivir solteiras, e ese fenómeno repetíase ao longo de todo o norte peninsular, dende o País Vasco ata Galicia e tamén no norte de Portugal". De feito, Rey Castelao apunta a un dato moi impactante: a porcentaxe de mulleres solteiras que nunca chegaron a casar naqueles anos estaba entre o 20 e o 25 % do total de mulleres. Entre outros motivos, "porque había moitísimos homes que emigraban, polo que o número de mulleres que había na sociedade era moi superior", pero tamén porque "había mulleres que non estaban interesadas en casar e que preferían vivir soas, polo que se gañaban a vida traballando". "As mulleres sempre foron emprendedoras", tanto que, "as que tiñan maridos que emigraban a América xestionaban os cartos que lles mandaban e mesmo mercaban parcelas de terra".
Tal é a independencia de moitas destas mulleres que "xa na segunda metade do século XIX houbo mulleres que comezaron a emigrar cara a América, mulleres solteiras que marchaban traballar a Bos Aires ou á Habana como criadas, ao igual que fixera aquí na Península durante anos". Así, "no último tramo do século XIX arredor do 25 % dos galegos que marcharon a América eran mulleres, e moitísimas delas solteiras", asegura Rey Castelao. A estas habería que sumar outras tantas que marcharon acompañando aos seus maridos. Pero, volvendo á figura das mulleres solteiras, e contra o que poida pensarse, estas nunca estiveron mal vistas pola sociedade, xa que "estamos falando dunha época na que non había homes para casar con todas as mulleres que había e iso era algo que se sabía". Ademais, "moitas delas mesmo tiñan fillos de solteiras para que puidesen coidalas de maiores, porque, do contrario, sabían que ían quedar soas", explica. Neste senso, tamén apunta a que "atopamos nos testamentos da época abundantes casos de mulleres solteiras que deixaban como herdeiros das súas propiedades a afillados, sobriños ou irmáns, buscando recompensar a estes homes que lles axudaban cando elas xa non podían traballar ou cando xa ían moi maiores para realizar certas tarefas".
"NA IDADE MODERNA TIÑAN UN CONCEPTO DE SERVIZO DOMÉSTICO DIFERENTE AO NOSO, AS CRIADAS SAÍAN TRABALLAR A TERRA PARA QUEN AS CONTRATABA"
Ademais deste tipo de migración, Rey Castelao tamén estudou a migración das mulleres de zonas de campo a outras zonas de campo, porque, "polo xeral, na Idade Moderna (séculos XV-XVIII) vivíase mellor no campo que na cidade, xa que había máis alimento". Deste xeito, puido comprobar que nesa época "tamén houbo unha migración moi intensa dunhas zonas de campo a outras, é dicir, unha migración de mulleres que saían das súas casas e marchaban traballar en casas alleas situadas a certa distancia". "Falamos de que había mobilidade cando a persoa que traballaba non podía volver á casa durmir porque se atopa a unha considerable distancia do fogar", puntualiza a historiadora, que explica que "estas mulleres camiñaban máis de 20 ou 25 quilómetros e tiñan que quedar a durmir na casa de quen as contrataba". Este fenómeno deuse de maneira moi intensa en Navarra, pero tamén o houbo en Galicia. Aínda que, sen dúbida, o territorio que o experimentou en maior medida foi Castela, onde as mulleres trasladábanse por exemplo de Zamora a Segovia, ou de Segovia a Burgos, sempre buscando as zonas nas que houbese maior necesidade de man de obra. "Todas elas aparecen citadas na documentación como criadas", apunta a historiadora, pero "isto non quere dicir que fosen criadas como as imaxinamos hoxe, de estar na casa, preparar a comida e limpar, senón que eran criadas que saían traballar a terra para quen as contrataba". Polo tanto, "naquela época tiñan un concepto de servizo doméstico completamente diferente ao noso".
Estas mulleres traballaban incansablemente, e, ademais de cartos, tamén recibían por iso certos recoñecementos ante a lei. "As mulleres de entón podían facer moitísimas cousas, moitísimas máis das que a xente pensa", asegura Rey Castelao, que tamén pon en valor a figura de certos intelectuais da Ilustración que "a finais do século XVIII reivindicaban o papel das mulleres do norte de España, dicindo que se traballan como homes, tamén deberían gozar dos mesmos dereitos que os homes". Lamentablemente, aínda que por aquela época a conquista de dereitos para as mulleres non chegou ata ese punto, si que a partir dos anos 80 do século XVIII prosperaron unha serie de leis que as beneficiaron, como aquelas que permitiron ás mulleres traballar practicalmente en todos os oficios que con anterioridade lles estiveran vetados, o que derivou na introducción oficial das mulleres en gremios tradicionais. E dicimos oficial porque, como afirma a historiadora, "xa formaban parte deles anteriormente, por unha cuestión demográfica moi elemental: os señores dos gremios adoitaban ter o mesmo número de fillas que de fillos e non por ter fillas ían pechar o obradoiro, polo que remataban por deixarllo á súa viúva, primeiro, e ás súas fillas, despois". "A ninguén se lle ocorría naquela época que un señor dun gremio ía pechar o obradoiro que tanto traballo lle custou levantar por non ter fillos varóns", asegura.
"O MODELO DE AMA DE CASA QUE CERTIFICOU EE.UU. TRAS A II GUERRA MUNDIAL NON SE CORRESPONDÍA COA REALIDADE DA MAIORÍA DE MULLERES DA ÉPOCA"
Entón, por que temos tan introducido no noso imaxinario colectivo esa figura de muller do pasado que unicamente realiza labores de ama de casa para a familia, coida dos fillos, limpa e cociña? Porque probablemente é o estereotipo que nos queda máis próximo no tempo. "Practicamente esa figura de muller non a houbo nunca ao longo da Historia", reivindica Rey Castelao, que asegura que as mulleres comezaron a quedar na casa na época da industrialización ou, en casos concretos, como o de Andalucía, no que os campesiños non eran propietarios da terra que traballaban, polo que moitos maridos e pais de familia traballaban a xornal, o que obrigaba ás mulleres a ser moito máis domésticas, sendo o home o que levaba os cartos á casa e elas as que coidaban dos fillos, que, ademais, adoitaban ser numerosos". Pola contra, "no caso de Galicia había menos nenos e as mulleres tamén saían traballar a terra igual que facían os homes". Deste xeito, "atopamos modelos de sociedade completamente diferentes e que en cada zona había un tipo de comportamento das mulleres diferente, dependendo das necesidades de cada caso".
Agora ben, tamén é certo que "houbo outro modelo de muller como ama de casa que é o que certificou Estados Unidos despois da Segunda Guerra Mundial, onde se vendía a imaxe de muller doméstica coa súa lavadora e o seu chalé como ideal". Con todo, "iso forma parte dunha imaxe irreal que logo tampouco se correspondía coa realidade das mulleres da época", a pesar de ter sido "o modelo máis promocionado polos poderes públicos e pola industria audiovisual, que vendía ás mulleres como persoas dependentes do seu pai, nos primeiros anos de vida, e do seu marido, unha vez casadas", acusa Rey Castelao. Fronte a isto, "na Galicia rural as mulleres nunca seguiron este modelo, sempre estiveron traballando e, mesmo durante o franquismo, houbo moitas que emigraron tanto a América como ás grandes cidades soas", certifica a historiadora, que lembra tamén "casos de mulleres galegas que, aínda estando casadas, emigraban antes para atopar no novo destino un pequeno traballo e ir aforrando para logo levar ao marido". E isto é algo que considera que está acontecendo actualmente en Europa coas mulleres latinoamericanas. "Chegan moitas mulleres casadas que, cando atopan un traballo para o marido, tráeno, pero que mentres non o poden traer mándanlle cartos", indica, asegurando que "elas téñeno moito máis doado para atopar traballo porque o servizo doméstico foi en todas as épocas históricas unha importante canteira laboral".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.