Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2025 | Actualizada ás 11:18
A organización Ecoloxistas en Acción presentou recurso contencioso-administrativo contra o acordo do Consello da Xunta que declarou Proxecto Industrial Estratéxico a reapertura e ampliación da mina de Touro-O Pino, ao considerala unha "decisión arbitraria" para "desatascar" a tramitación do proxecto.
Nun comunicado, a entidade ecoloxista sinalou que o proxecto de explotación mineira de Cobre San Rafael xa foi tramitado en 2017 "e desestimado pola administración ambiental galega" en 2020, e tamén desestimado pola administración mineira galega por resolución de febreiro de 2021.
Por iso, denuncia que, "ante a existencia dunha declaración de impacto ambiental que cualifica o proxecto Cobre San Rafael como ambientalmente desfavorable", a declaración como Proxecto Industrial Estratéxico "para desatascar a súa tramitación e axilizala" é unha "decisión arbitraria e contraria á lei".
Para Ecoloxistas en Acción "non hai ningunha xustificación estratéxica" e a decisión da Xunta "é só unha artimaña para sortear o rexeitamento ambiental e demontar a oposición veciñal" á reapertura da mina. Por outra banda, advertiron de que non existe un plan director mineiro en Galicia que xustifique esta consideración para reabrir e ampliar a mina de Touro-O Pino, e que tampouco hai, a día de hoxe, "ningún plan director nin mapa industrial aprobado para o sector correspondente ao proxecto Cobre San Rafael".
"GRAVE RISCO"
Isabel García, portavoz de Ecoloxistas en Acción e membro da plataforma Mina Touro-O Pino Non, a reapertura da mina "supón un grave risco para os sistemas fluviais, augas subterráneas e ciclo hídrico nas zonas afectadas pola explotación, así como para a integridade da Zona de Especial Conservación do sistema fluvial Ulla-Deza".
Respecto diso, subliñou que, aínda actualmente, as analíticas dos ríos Brandelos, Pucheiras, Portapego e a balsa de Angumil, na contorna do complexo mineiro, "pon de manifesto unha contaminación grave e persistente". Ecoloxistas en Acción asegurou que o 98,82 % do material procesado na explotación son residuos provenientes de partículas de rocas húmidas e trituradas, que superan as 100 toneladas dos denominados 'estériles de planta'. Tamén se xeran estériles mineiros.
Para a organización "é especialmente grave" que se lle dea "preferencia" a Cobre San Rafael, cando "esta mercantil está en suspensión de pagos debido á existencia dun fondo de manobra negativo en 2022 e 2021". Para probar a súa solvencia, a empresa fai referencia a un informe de auditoría "que nunca chega" e Ecoloxistas en Acción alertou de que esta insolvencia "parece articulada para non asumir os posibles desastres ambientais que xere a actividade de explotación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.