As mulleres rurais de Galicia expoñen a súa mala situación polo 8M: cobran unha pensión mensual 420 euros inferior á dos homes

Critican as políticas de "papel" da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2025 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) presentou con motivo do Día Internacional da Muller un informe sobre a realidade socioeconómica das mulleres galegas do rural que reflicte a súa "situación de desvantaxe" e critica á Xunta polas súas "políticas de papel" e a ausencia de lexislación na materia. Nunha rolda de prensa ofrecida este mércores en Santiago de Compostela, a organización denunciou a "mala" situación do rural galego en canto á igualdade de xénero. Os datos expostos reflicten unha poboación envellecida, cun maior número de mulleres, que en aspectos xerais reciben unha pensión inferior, de media 421,88 euros menos ao mes que os homes.

Así mesmo, para as mulleres traballadoras a fenda salarial rural, elaborada en base ás axudas directas recibidas pola Política Agraria Común (PAC), estímase nun 36,7 %, unha cifra que se traduce nunha diferenza de 2.224 euros anuais entre xéneros. Fademur Galicia fixo fincapé na "importancia dunha Lei de Dependencia" para que as traballadoras de servizo de asistencia no fogar, cuxo perfil se axusta ao dunha muller de máis de 50 anos cun parentesco de primeiro grao co paciente, poidan optar a "condicións dignas".

Nesta liña, a Federación manifestou a "necesidade de avanzar en igualdade no ámbito rural" e expuxo a creación dun Estatuto específico que non inclúa ás mulleres do mar, como "ferramenta útil" para corrixir o panorama, xa que outras comunidades como Castela-A Mancha xa contan cun. Doutra banda, Fademur cargou contra a Xunta ao afirmar que "os datos reflicten a falta de aposta do PP polo sector primario agrícola e gandeiro".

PETICIÓNS PARA O 8M

A presidenta da asociación, Verónica Marcos, trasladou as peticións, máis aló do Estatuto, que parten de Fademur Galicia de cara a este 8 de marzo. Todas parten da visibilización e algunhas delas son: o recoñecemento da muller rural, o apoio ao emprendemento feminino, a participación das mulleres na vida pública, o incremento do lecer no rural, o prezo digno dos produtos locais e a facilitación do acceso á vivenda no rural.

Muller rural
Muller rural | Fonte: Universidade Oberta de Catalunya - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta