Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/03/2025 | Actualizada ás 20:15
O Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia reafirma o seu compromiso co fortalecemento do sector e celebra o diálogo aberto e construtivo mantido co director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Esta xuntanza, segundo explican dende o Consello Regulador, "serviu para aclarar os malentendidos xurdidos en reunións previas e sentar as bases dunha cooperación máis estreita entre todas as partes implicadas".
Na reunión, analizáronse diversas cuestións relacionadas coa produción da pataca certificada e estudáronse novas oportunidades dentro do mercado. Ademais, avaliáronse as posibles liñas de actuación para potenciar o consumo deste produto agroalimentario amparado baixo un selo de calidade diferenciada.
Desde a IXP Pataca de Galicia agradecen a total disposición da Consellería do Medio Rural para seguir apoiando a calidade diferenciada da pataca galega e impulsar accións que axuden á súa comercialización.
Así mesmo afirman que manteñen o labor de supervisión, control e garantía da calidade da pataca certificada, asegurando que os intereses de todos os produtores e operadores do sector sexan escoitados e tidos en conta en cada paso do proceso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.