Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/03/2025 | Actualizada ás 11:51
Os órganos xudiciais de Galicia recibiron 386.299 novos casos durante 2024, un 10,9 % máis que o ano anterior, e aumentaron a súa capacidade de resolución un 13,7 %. A pesar diso, os asuntos que quedaron en trámite a data 31 de decembro (217.888) subiron un 11,3 %. A taxa de litixiosidade en Galicia, é dicir, o número de casos por cada 1.000 habitantes, situouse en 142,7, por baixo da estatal, que se estableceu en 160,4, segundo o informe feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
O estudo sobre a situación dos órganos xudiciais en 2024 revela que a resolución de procedementos, en comparación co ano anterior, aumentou en todas as xurisdicións, especialmente na civil, ata un 21,6 %. Na penal, os xuíces e xuízas finalizaron un 6,4 % máis de casos; na contencioso-administrativa, un 5,2 % máis; e, na social, un 11,1 % máis.
O ingreso de novos asuntos tamén subiu en todas as xurisdicións, a excepción da contencioso-administrativa, na que descendeu un 2,3%. Sobre todas elas destaca a civil, que rexistrou un 21,5 % máis de casos que en 2023; mentres que na penal o ingreso de novos procedementos subiu un 1,3 %; e, na social, un 4,8 %. En canto aos asuntos recibidos por órgano xudicial, os da xurisdición penal rexistraron unha media de 999,84 casos; os da civil, de 1.246,80; os da contencioso-administrativa, de 528,65; e, os da social, de 1.101,24. Os asuntos pendentes de resolver a data 31 de decembro descenderon nas xurisdicións social e contencioso-administrativa.
En concreto, na xurisdición civil o número de novos casos recibidos en Galicia ascendeu a 196.994. Entre xaneiro e decembro os membros da carreira xudicial finalizaron 174.764 asuntos, un 21,6 % máis que en 2023, quedando en trámite ao final do período 128.913, o que supuxo unha subida do 18,4 %. Na xurisdición penal entraron 143.977 procedementos. O número de casos resoltos en 2024 ascendeu a 141.707 (un 6,4 % máis); e o de asuntos en trámite ao final do período, a 54.103, un 5 % máis que o ano anterior.
Entre os pasados 1 de xaneiro e 31 de decembro abríronse 8.987 novos casos contencioso-administrativos. Durante ese período, os xuíces/zas concluíron 9.369 asuntos, un 5,2 % máis, e quedaron pendentes 7.271, un 3,3 % menos que en 2023. Por último, presentáronse 36.341 novos asuntos da xurisdición social (un 4,8 % máis), na que se pecharon 36.100, un 11,1 % máis; e quedaron en trámite ao final de ano 27.601, un 0,4 % menos.
POR PROVINCIAS
Durante o ano 2024 os órganos da provincia da Coruña ingresaron 144.194 casos, un 11,2 % máis que en 2023, e os xuíces e xuízas resolveron 133.381 asuntos, un 15,1 % máis. Os xulgados e tribunais de Pontevedra recibiron 140.310 casos, un 12,1 % máis, e finalizaron 131.932 (14,2 % máis). Na provincia de Lugo entraron 41.604 novos procedementos (un 10,8 % máis); e, na de Ourense, 38.224 (un 14,7% máis). Os membros da carreira xudicial resolveron en Lugo 36.746 asuntos (un 6,8 % máis); e, en Ourense, 36.709 (un 21 % máis).
A comezos de ano, os xulgados das provincias da Coruña e Pontevedra tiñan en trámite 83.432 e 63.397 asuntos, respectivamente, e, ao finalizalo, quedaron abertos 94.601 (un 13,4 % máis que en 2023), na Coruña, e 69.951, en Pontevedra (un 10,3 % máis que o ano anterior). Os órganos de Lugo iniciaron 2024 con 23.105 casos sen resolver e finalizárono con 27.370, é dicir, un 18,5 % máis que en 2023. Na provincia de Ourense tiñan en trámite ao comezo do ano 16.331 asuntos e, ao terminalo, 17.752, un 8,7 % máis que a 31 de decembro de 2023.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.