A CIG acusa a Rueda de "privatizar" e poñer "baixo o seu control" o Instituto Galego de Estatística

Critica que esta medida se produce logo do "devastador" informe sobre o galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2025 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A CIG denunciou este mércores que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pon "baixo o seu control directo" o Instituto Galego de Estatística (IGE) tras a integración deste na Consellería de Presidencia, o que para o sindicato "abre a porta á privatización dun servizo público que é estratéxico".

Segundo expón nun comunicado, a CIG considera que a Xunta "se nega a explicar" cal será o papel que desempeñen as empresas privadas, que "poderían ter acceso aos datos ou participar directamente suplantando as funcións do persoal empregado público". A organización nacionalista sinala que o IGE é un organismo público autónomo adscrito á consellería con competencias en Facenda desde a súa creación o 1988.

A CIG vincula esta decisión ao informe, que cualifican de "devastador", emitido en outubro polo órgano estatístico en relación á situación do galego, que informa de que a porcentaxe de persoas que se comunican sempre en castelán xa é maior ao das que o fan só en galego. Desta maneira, o sindicato considera que o que Rueda pretende con este movemento é "silenciar de forma defitnitiva as informacións inoportunas de futuros informes estatísticos".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello do 3 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello do 3 de marzo de 2025 | Fonte: XUNTA

POSTOS "A DEDO"

Ademais, alega que, segundo o Estatuto da entidade, Rueda pasaría a ser o presidente do IGE, o presidente do seu Consello Reitor e o presidente do Consello Galego de Estatística. Por outra banda, apunta que reforza agora a Oficina de Coordinación Económica de Presidencia --da que fai depender ao IGE-- con "varios postos de persoal mediante libre designación (a dedo)".

O sindicato recolle que Alfonso Rueda proxecta tamén a curto prazo a licitación dun contrato, en palabras do propio comunicado do Executivo autonómico, "para que as empreas tecnolóxicas poidan ofrecer aos seus servizos para centralizar, xestionar e explotar os distintos datos dos que dispón a Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta