Avalada a decisión do Concello de Pontevedra para prohibir a megafonía exterior da igrexa de Salcedo

Unha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número uno de Pontevedra avala a decisión do Concello de Pontevedra de prohibir as emisións da megafonía exterior da igrexa de San Martiño, na parroquia de Salcedo.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 19/03/2025 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

Unha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número uno de Pontevedra avala a decisión do Concello de Pontevedra de prohibir as emisións da megafonía exterior da igrexa de San Martiño, na parroquia de Salcedo.

Segundo unha información publicada por La Voz de Galicia, por parte da administración local esixiuse á Igrexa "o cesamento das emisións molestas" que se estaban realizando desde uns altofalantes instalados desde 1989 no campanario do templo e no cemiterio. Unha megafonía que se foi "ampliando aos poucos cada vez con equipos máis potentes".

A diario, cada media hora, por estes altofalantes soaban as campadas, ademais dunha alborada de madrugada e a "Negra sombra" pola noite. Mesmo durante o confinamento pola pandemia do covid-19 soaba música con "obxecto de elevar o ánimo dos veciños".

Entre outros argumentos en contra destas emisións, o Concello esgrimía as molestias que ocasionan a determinados residentes na zona e a incompatibilidade dos altofalantes co carácter protexido desta igrexa.

Precisamente, os veciños contrariados con esta megafonía foron os que denunciaron nos tribunais esixindo que a Igrexa cumprise co decreto municipal do 6 de xuño do 2022 de cesamento de emisións, atopándose co recurso por parte da Comunidade de Montes de Verducido.

Os comuneiros alegaban a falta de potestade do Concello para decidir neste asunto e defendían o emprego destes altofalantes como "usos tradicionais da parroquia". Para apoiar a súa postura chegaron a recoller medio milleiro de firmas de apoio.

A sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo non resolve se é legalizable a emisión por esta megafonía exterior e limítase a analizar a media cautelar de paralización das emisións acústicas valorándoa como "proporcionada".

A sentenza lembra que estas emisións ao exterior "precisan de título administrativo habilitante" do que nestes momentos carecen tanto a comunidade de montes demandante como a Igrexa católica. A sentenza é recurrible en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Concello de pontevedra
Concello de pontevedra | Fonte: E.P. - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta