Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2025 | Actualizada ás 14:57
Miles de persoas e centenares de embarcacións concentráronse este sábado na Pobra do Caramiñal para manifestar o seu rexeitamento ao proxecto da pasteira Altri en Palas de Rei e á proposta da mina de Touro-O Pino, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Auga.
Baixo o lema 'Nin mina nin Altri, defendemos o noso modo de vida', a mobilización foi convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA). A marcha comezou pasadas as 12:30 horas desde a estación de autobuses da localidade, cunha participación multitudinaria que ocupou rúas e enseadas, malia a choiva e o forte vento.
Manifestación na Pobra contra o proxecto de Altri e a Mina de Touro | Fonte: GCVer esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Durante o percorrido, os asistentes entoaron cánticos como "Altri mata, a mina remata" ou "se é tan boa, que a fagan en Lisboa". Á vez, embarcacións de bateeiros e lanchas amarradas na ría exhibiron pancartas como 'Atri non' e 'Por unha terra viva'.
No acto final, celebrado no aparcadoiro xunto ao club náutico, os humoristas Isabel Risco, Carlos Blanco e Quico Cadaval encargáronse da condución. Alí, representantes das plataformas organizadoras cualificaron a mobilización de "histórica por terra e mar", advertindo de que non cesarán a súa presión "en Galicia, España e Europa".
CRÍTICAS Á XUNTA E PETICIÓNS DE DIMISIÓN
A presidenta da asociación Ulloa Viva, Pilar Naveira, asegurou que o proxecto de Altri "non ten licenza social" e adiantou que "cando se faga pública a avaliación ambiental integrada, iniciaremos accións administrativas e legais".
Pola súa parte, o portavoz da PDRA, Xaquín Rubido, reclamou as dimisións dos conselleiros Alfonso Villares, Ángeles Vázquez e María Jesús Lorenzana, ao tempo que responsabilizou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda: "Debe cambiar o rumbo".
REIVINDICACIÓN AMBIENTAL E MODELO DE PAÍS
A manifestación culminou nun palco situado xunto ao porto, foi conducido polos artistas Isabel Risco, Carlos Blanco e Quico Cadaval, e estivo cargado de mensaxes directas á Xunta de Galicia.
Desde o escenario, o actor Carlos Blanco apelou ao Goberno galego para que "rectifique" na súa posición e atenda á demanda social. "Viviremos máis tranquilos coa Ulloa viva, co río Ulla e cun futuro sostible para as rías", afirmou durante a súa intervención, na que tamén advertiu do deterioro do medio mariño.
Antes da lectura do manifesto, representantes das plataformas convocantes cualificaron a xornada como unha "mobilización histórica por terra e mar" e cuestionaron que o Executivo galego considere "estratéxicos" proxectos como unha mina ou unha macrocelulosa, mentres "desatende ao sector marisqueiro e bateeiro".
Durante os discursos, os organizadores interromperon brevemente a súa intervención para "escoitar as embarcacións", que fixeron soar as súas sirenas en sinal de protesta, nun ambiente de silencio colectivo que fixo resoar aínda máis a mensaxe da mobilización.
As críticas centráronse tamén na falta de resposta institucional. "Galicia enteira saíu á rúa e a Xunta, en lugar de defender aos cidadáns, alíase cos proxectos que queren explotar os recursos naturais", sinalaron. Tamén cualificaron o modelo industrial proposto como "un insulto á intelixencia", especialmente no contexto actual de emerxencia climática.
Segundo denunciaron as plataformas, os proxectos de Altri e da mina de Touro representan "un intento de industrialización que non responde ás necesidades reais do país". Alertaron de que non cesarán na súa oposición: "Aínda queda percorrido para presionar en Galicia, en España e en Europa", concluíron.
PONTÓN INSTA A RUEDA A ESCOITAR O REXEITAMENTO SOCIAL
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, solicitou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao comezo da manifestación, que "escoite o clamor social" en contra da planta de Altri proxectada no concello lucense de Palas de Rei e que "rectifique" a súa postura institucional sobre este proxecto industrial.
"Ao igual que no pasado se impuxo Ence en Pontevedra, agora preténdese repetir o modelo con Altri na comarca da Ulloa", advertiu Pontón, quen cuestionou directamente ao presidente galego: "Se Altri é tan boa, por que non a queren en Portugal?".
A portavoz nacionalista tamén criticou a actitude do Partido Popular ante a protesta social: "No canto de criminalizar á cidadanía e desprestixiar aos que se mobilizan, o señor Rueda debería reflexionar e atender a esta marea de dignidade que lle di alto e claro 'Altri non, Galicia si'".
BESTEIRO CUALIFICA DE "GRAN MENTIRA" O PROXECTO DE ALTRI
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou, pola súa band, a súa oposición ao proxecto da pasteira Altri, ao que cualificou como "unha gran mentira" e que, segundo afirmou, "non é sustentable para Galicia".
Besteiro advertiu que o proxecto "non encaixa no modelo produtivo" que defende o seu partido para o país: "Non é o futuro que queremos para Galicia", asegurou.
O líder socialista sinalou que inicialmente o proxecto foi presentado como unha planta orientada á produción de fibras biotecnolóxicas, pero que finalmente se revelou como "unha gran macrocelulosa". Neste sentido, criticou a forma en que a proposta foi comunicada e defendida polas autoridades autonómicas: "O PPdeG actuou como un verdadeiro axente comercial do proxecto e non como garante do interese público".
Manifestación na Pobra contra o proxecto de Altri e a Mina de Touro | Fonte: GC
Manifestación na Pobra contra o proxecto de Altri e a Mina de Touro | Fonte: GC¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- A Policía Autonómica investiga 24 persoas en Galicia por furtivismo e marisqueo ilegal en 2024
- Un incendio destrúe unha vivenda en Porqueira sen causar danos persoais
- Un incendio nunha cociña en Culleredo obriga a evacuar un home por inhalación de fume
- Rachando coa Historia das mulleres tal e como nola contaron: "Os datos non amosaban a muller agraria real no franquismo"
- Investigan unha agresión a dous confrades tras recriminar a uns mozos por ouriñar contra o santuario das Angustias en Ferrol
- Galicia acollerá en maio o II Congreso Internacional de Consumo