Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/03/2025 | Actualizada ás 14:00
O consumo de alcol entre menores de idade segue sendo unha das grandes materias pendentes no ámbito da sanidade pública en España. Aínda que a lei prohíbe a súa venda e consumo a menores, os datos amosan que moitos adolescentes acceden con relativa facilidade a bebidas alcohólicas, en contextos sociais cada vez máis normalizados, como festas, botellóns ou mesmo reunións familiares. A idade de comezo do consumo sitúase arredor dos 14 anos e os patróns de consumo excesivo, como o 'binge drinking', convertéronse en prácticas habituais en certos sectores da xuventude. Con este escenario de fondo, o Goberno de España vén de aprobar un novo proxecto de lei que busca endurecer o acceso dos menores ao alcol e fomentar medidas efectivas de prevención. O texto contempla non só maiores restricións na venda e dispoñibilidade de bebidas alcohólicas para menores, senón tamén límites máis estritos ao consumo de alcol diante deles, tanto en espazos públicos como privados. Ademais, propón un maior control sobre a publicidade e o márketing, especialmente naqueles formatos --como redes sociais ou eventos deportivos-- que poden ter un forte impacto sobre eles. Para analizar este cambio normativo dende o punto de vista da prevención, Galicia Confidencial fala con Francisco Caamaño, catedrático de Medicina Preventina da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Segundo as enquisas sobre Uso de Drogas en Ensinanzas Secundarias de España (ESTUDES), realizadas sistematicamente polo Ministerio de Sanidade entre os alumnos de 14 a 18 anos dos institutos españois dende fai máis de 20 anos, arredor dun 75 % destes adolescentes menores de idade consumiron alcol no último ano. Para Caamaño, este é un dato "moi preocupante". Ademais, segundo arroxa o último ESTUDES (2023), máis dun 56 % destes rapaces consumiron alcol no último mes. E onde conseguen ese alcol? A enquisa reflexa que case o 55 % deles o conseguen en bares ou pubs e outro 54 % en supermercados, habendo tamén un 49 % que di adquirilo en tendas de barrio e un 46 % en discotecas. "Aínda que a lei nos di que o consumo de alcol está prohibido para menores de 18 anos, e que ningún menor de 18 anos debería consumir alcol, a realidade é ben distinta", advirte o experto, sinalando que "se trata dunha situación tremendamente estraña, pois evidencia que hai unha legalidade que, de facto, non se está cumprindo". E ese dato do 75 % de menores consumindo alcol nos últimos doce meses permanece bastante estable co paso do tempo, constante, a pesar de "ser unha cifra moi grave".
"O ALCOL ESTÁ OMNIPRESENTE NA VIDA DOS ADOLESCENTES: NO MOBILIARIO E PUBLICIDADE QUE ATOPAN POLAS RÚAS E NAS SECCIÓNS DOS SUPERMERCADOS"
Actualmente, para o catedrático de Medicina Preventiva da USC, o principal problema atópase no contexto que envolve aos menores no seu día a día. "A maioría dos adolescentes vive nun contexto urbano no que están expostos a un gran número de chamadas ao consumo de alcol, un consumo que se atopa tremendamente publicitado", sinala, e incide en que "o alcol está omnipresente en todos os lugares: se paseamos polas rúas das nosas cidades deseguida nos atopamos con mobiliario de cafetarías e tendas que amosa marcas de alcol ou con carteis que promocionan o seu consumo". A isto súmase o feito de que "cando entras a un supermercado, sexa cal sexa, as seccións de alcol atópanse mesturadas con total normalidade cos doutros produtos para o consumo como o sal ou o aceite", o que traslada "a percepción de que realmente é un alimento máis". Así as cousas, Caamaño resalta que "un neno, dende que é ben pequeno, ve como cada vez que vai á compra cos seus pais o alcol está alí presente como un produto alimenticio máis", pois "súa nai ou seu pai, á vez que colle arroz e carne, ten o alcol como una opción de bebida máis, mesturándose con outras como a auga ou os refrescos con total normalidade".
A esta gran presenza do alcol en practicamente todos os lugares nos que calquera persoa, especialmente os menores de idade, desenvolve a súa vida cotiá, súmase o feito da grande accesibilidade que presenta. "Son múltiples as tendas nas que se vende alcol, a maioría de lugares o venden, e mesmo en eventos deportivos ou concertos se facilita a súa venda, e non só a maiores de idade, senón tamén a menores, moitas veces sen preguntar sequera a idade da persoa que vai realizar a compra", apunta o catedrático de Medicina Preventiva da USC. O resultado? Como evidencia, "isto normaliza a substancia e o seu consumo, dálle unha percepción de normalidade e mesmo a posiciona como unha substancia moi superior dende o punto de vista da percepción social a calquera outra". Fronte ao alcol, sitúa o caso do tabaco, xa que nos últimos anos se desenvolveron toda unha serie de normativas que fixeron que este pasase de ser unha substancia moi accesible e consumida en case calquera espazo, a estar moi restrinxida a certos ámbitos e grupos de idade. "A súa venda quedou restrinxida a estancos ou a máquinas expendedoras en cafetarías onde, para poder acceder a el, necesítase a intenvención do propietario ou traballador do local", lembra. "Isto é algo que a día de hoxe para o alcol aínda non existe", lamenta.
"NON DEBEMOS ESQUECER QUE ESPAÑA É UN PAÍS PRODUTOR, CON MOITA RESTAURACIÓN E NO QUE SE VENDE AO TURISMO UN ACCESO FÁCIL AO ALCOL"
E por que coas prohibicións arredor do tabaco e o endurecemento das accións de prevención en menores se avanzou máis que coas do alcol? Para Caamaño todo é cuestión da realidade económica na que vivimos. "Non debemos esquecer que España é un país produtor de alcol, pois en practicamente todo o territorio se elabora algún tipo de alcol, xa sexa viño ou cervexa, e tamén somos un país cun desenvolvido mundo da restauración e no que se reciben moitos turistas aos que España ofrece, precisamente, o acceso ao alcol como un dos grandes seus atractivos", reflexiona. "Todo isto conduce a que haxa unha actividade económica relacionada co alcol que seguramente non existe no caso do tabaco, o que deriva en que certos lobbies vinculados a esta industria teñan unha gran capacidade para facer presión", destaca, convencido de que "seguramente hai moitas persoas con intereses creados para que a lexislación avance menos no caso da regulación do alcol que do tabaco". De feito, lembra que "foron moitas as leis sobre alcol que remataron caendo" e, neste caso, convida a "non esquecer que estamos ante un proxecto de lei que foi aprobado polo Consello de Ministros, pero que agora será levada ao Congreso para a súa votación e veremos como acaba, se finalmente sae adiante".
Por outra banda, tamén pon o foco sobre un dos puntos débiles da nova normativa no caso de que finalmente saia adiante: a falta de retroactividade. Así, por exemplo, en materia de prevención, fala de que non se pode realizar publicidade de alcol a menos de 150 metros de centros escolares, pero, "hai matices, porque, aínda que o mobiliario urbano que ten este tipo de publicidade tardará en desaparecer, pois o que xa está instalado non deberá ser retirado polo de agora". "As novas cafetarías que abran próximas a institutos terán un ano por diante para poder instalar novas mesas e, aquelas que xa teñan mesas con marcas de alcol dende fai anos, non terán por que retiralas ata que rompan ou decidan renovalas, algo para o que pode pasar anos", advirte o catedrático de Medicina Preventiva da USC. Ademais, tamén habería que ter en conta que moitas marcas de alcol no mobiliario novo que ofrecen aos locais xa están incluíndo os logos dos seus produtos 0,0, cuestión que na nova normativa non se aborda, cando, "no fondo, estase publicitando igualmente o alcol, porque ninguén ve unha 0,0, ve unha cervexa". E é que, a día de hoxe, en número de mobiliario urbano con publicidade, só se equiparan coas marcas de alcol grandes compañías como Coca-Cola, pois "só elas teñen a viabilidade económica suficiente como para poder ofrecer a un negocio que acaba de abrir certo mobiliario se este se compromete a mercarlle o produto durante un determinado prazo de tempo".
"A LEI, AÍNDA CON BOA INTENCIÓN, DEIXA FÓRA ASPECTOS CLAVE COMO A DEFINICIÓN DE CONSUMO DE BAIXO RISCO OU A REGULACIÓN DO ETIQUETADO"
Da mesma maneira que no caso do mobiliario, tampouco en carteis publicitarios ou contidos promocionais en vídeo accesibles aos menores se poderán empregar marcas de alcol. "Non se poderán empregar personaxes coñecidos no mundo infantil nin influencers, entre outros, para publicitar alcol, nin tampouco empregar unha linguaxe propia e exclusiva da súa idade para chamar a súa atención e, por suposto, tampouco se poderá exhibir a menores --nin a mulleres embarazadas-- consumindo alcol na publicidade nin vincular o consumo do alcol co éxito social ou sexual, cuestións que poden atraer moito aos adolescentes cara a práctica da bebida", destaca Caamaño. Todas estas son cuestións que, para o experto en prevención, sen dúbida, "supoñen avances importantes se rematan facéndose efectivos, tanto no que respecta á súa venda como á promoción do seu consumo". Con todo, considera tamén que quedan eivas por solucionar dentro da redación da mesma se se leva á práctica. Por exemplo, apunta a que na lei a prohibición do consumo de alcol en centros educativos exclúe ás universidades e ás residencias de estudantes, cando, en verdade, nestes lugares tamén hai algúns menores, pois hai alumnos que entran con 17 anos, sen ter acadado aínda a maioría de idade.
"Eu creo que a lei ten boa intención e que aborda algunhas cuestións clave, pero haberá que ver como se materializa na práctica", conclúe o catedrático de Medicina Preventiva da USC, que valora que "un Goberno se atreva a sacar unha lei sobre alcol" nun contexto no que a industria exerce fortes presións. Entre os temas que cre que quedan fóra da nova lei e que sería importante poñer enriba da mesa, apunta á idea de consumo moderado ou consumo responsable. "Dende o ámbito da literatura científica non aceptamos este concepto que apela ao individuo, pois cando se pregunta na rúa cal é o consumo moderado ou responsable ninguén sabe dar unha cantidade exacta e a variabilidade de respostan é brutal, polo que nós adoitamos falar de consumo de baixo risco", destaca Caamaño, que lamenta que "a lei non se mete nisto". Por outra banda, sinala que tampouco entre na regulación do etiquetado dos produtos alcohólicos. "Non fala de logos específicos nos que se inclúa, por exemplo, o risco que ten o consumo de alcol para as mulleres embarazadas ou as calorías que ten cada botella, algo que podería resultar efectivo de cara a frear o consumo en adolescentes, pois nesa idade adoitan estar preocupados polo seu aspecto físico, polo que ser conscientes das calorías que ten o alcol podería axudar a frear o seu consumo neste grupo de idade", resalta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.