O dono de Sargadelos insta a Inspección de Traballo a "pechar e precintar" a fábrica tras recibir unha multa

O administrador único de Sargadelos, Segismundo García, instou por carta a Inspección de Traballo a "pechar e precintar" a fábrica tras recibir unha multa de 5.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/03/2025 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

O administrador único de Sargadelos, Segismundo García, instou por carta a Inspección de Traballo a "pechar e precintar" a fábrica tras recibir unha multa de 5.000 euros. "Encarézolles, pois, a que procedan ao peche e precintado destas instalacións, co fin de evitar desgrazas e enfermidades profesionais que, non o dubiden, esta dirección deplora e quere eludir calquera tipo de enfermidade", recalcou na misiva.

Así, García agradeceu a Traballo "o seu interese e preocupación" e incidiu en que "bota de menos un pequeno detalle: a viabilidade económica da compañía". A continuación, apuntou que a dirección da empresa "non se ve capacitada" para acometer todas as obras que se lle esixen e lamenta que, segundo Traballo, a fábrica poida "ocasionar enfermidades graves aos que nela traballan".

"Certamente, non se se son conscientes de que a vida mesma acaba causando a morte. Pero así está a situación e así é o Sistema que vostedes representan, polo que a este humilde servidor non queda máis remedio que acatalo", reza na carta.

García tamén advertiu a Traballo que, ademais das 36 deficiencias que detallan na documentación da multa, examinadas as normativas vixentes, "existen outras 283 faltas ou incumprimentos".

"Este contribuínte, xa vello e farto, suplica que non sexan indulgentes na esixencia do estrito cumprimento da legalidade. Iso si, rógolles que non o xeneralicen porque poden provocar a parálise produtiva do país", sentenciou.

Sargadelos
Sargadelos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta