Que pasou cos 60 millóns dos fondos FEADER da UE que Agader non executou?

O BNG suxire que o ex secretario xeral deste órgano, Antonio Crespo, foi destituído por deixar sen executar ese diñeiro europeo. A Xunta nega que teña que ver con isto e lembra que segue como xefe territorial, aínda que desde que chegou Ángeles Vázquez xa cesaron dous altos cargos vinculados a Samuel Juárez.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/04/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A principios deste mes de abril Alberto Núñez Feijóo anunciaba no Consello da Xunta o cese de Antonio Crespo, ata entón secretario xeral de Agader. Un cese que se explicou por “motivos persoais”, aínda que a oposición xa o vincula, directamente, coa mala xestión que se fixo dos fondos FEADER da UE.

Antonio Crespo, ex secretario xeral de Desenvolvemento Rural nun acto en Silleda
Antonio Crespo, ex secretario xeral de Desenvolvemento Rural nun acto en Silleda | Fonte: xunta.gal

Crespo,dirixente popular próximo ao ex conselleiro Samuel Juárez, mantiña un bo nexo co coñecido como “clan lalinense”, entre o que estaba o seu irmán, o xa es alcalde José Crespo, e o actual conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Sen embargo, a súa relación coa nova conselleira, Ángeles Vázquez, non era tan fluída.

Por iso, a entrada da ex alcaldesa de Melide no Goberno galego e os malos resultados electorais colleitados polo PP na comarca do Deza sentenciaron a Crespo a quen Ángeles Vázquez xa non quería na Xunta. Unha situación que se agravou tras detectar, ademais, que Agader fora incapaz de gastar 60 millóns dos fondos FEADER do período 2007/20013, o que pode conlevar penalizacións posteriores de Bruxelas e a perda doutros 130 millóns en inversións para o sector rural.

Inicialmente, a Xunta tiña previsto un gasto público de 1.487 millóns neste período en iniciativas de desenvolvemento rural, dos cales o 57% eran achegas de fondos FEADER da UE e o resto cofinanciados polo Estado e fondos propios da Xunta. Con todo, esta dotación inicial viuse reducida como consecuencia de de decisións do Goberno galego, como as da reprogramación das taxas de cofinanciación.

Precisamente, esta reprogramación afectou a Agader e tamén aos Grupos de Desenvolvemento Rural, algún dos cales tivo problemas para realizar proxectos europeos con fondos FEADER. Por estes erros administrativos, segundo denuncia o BNG, Galicia deixou de percibir 60 millóns de euros do FEADER, a pesar de estender a execución dos fondos 2007/2013 ata decembro de 2015.

A conselleira do Medio Rural, Ángelez Vázquez, co ex secretario xeral de Agader, Antonio Crespo
A conselleira do Medio Rural, Ángelez Vázquez, co ex secretario xeral de Agader, Antonio Crespo | Fonte: xunta.gal

Cando os grupos da oposición tentaban pedir explicacións por esta situación chegou o cese de Antonio Crespo que o BNG vincula xa, directamente, coa mala xestión dos fondos europeos. Por iso, esta formación xa pediu explicacións na Cámara sobre se a súa marcha de Agader ten que ver con iso e se a Xunta ten algunha avaliación do impacto que estes investimentos terían producido no agro galego.

Curiosamente, ademais de Crespo, Ángeles Vázquez tamén cesou á directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulla. Do equipo inicial de Juárez só se mantén o secretario xeral, Fernández-Couto. Con todo, desde a Xunta suliñan que a saída de Crespo de Agader non ten nada que ver nin con problemas internos, nin coa xestión dos fondos europeos. Ademais, puntualizan que segue vinculado á Xunta como delegado territorial. 

Sobre o que pasou con eses 60 millóns, fontes da Consellería do Medio Rural consultadas por GC apuntan que están investigando as previsións iniciais de investimento para o que consultaron con Facenda e que informarán dos datos en canto os teñan dispoñibles.

Non é a primeira vez que Crespo ten que cesar do seu cargo. Como director de Produción Agropecuaria da ex Consellería de Agricultura de Fraga tivo que saír, canda o conselleiro Cástor Gago, pola crise das vacas tolas no 2001. Ocupou entón a súa praza de veterinario de Cruces pero volveu ser rescatado por Samuel Juárez no 2009, asumindo Desenvolvemento Rural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 eueu

O problema é que as aldeas xa están cheas de tanatorios, casas da cultura valdeiras, pistas que non van a ningures...e o pior de todo: que os PPodres xa non teñen ideas que roubar nin copiar asi que mellor que os cartos vaian de volta antes que darlle a razón a quen mira polo país. #PPaoPParo

1 Xulia

Vergüenza los hermanos Crespo. Menos mal que los largaron de Lalín

1 De Lalín

Estou de acordo. pero non seremos libres nin entraremos no século XXI ata que tamén botemos á Famiglia Cuiña,