¿Unidos Podemos ou non Podemos?

Aínda que o acordo final electoral de Podemos e Esquerda Unida é totalmente favorable á primeira organización que, de feito, traga a esta última, o certo é que existe un clamor popular para presentar unha alternativa que poida desprazar á dereita do goberno.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 18/05/2016

Comparte esta noticia
O acordo repercute nas nacións históricas como Galicia de forma negativa, impedindo ter un grupo parlamentario propio, prevalecendo as posicións centralistas e xacobinas. Doutra banda, as propostas programáticas carecen dun sentido rupturista, que termine coa constitución neo franquista, que nos encamiñe a un proceso constituinte, tanto no Estado español, como en Galicia, Euskadi e Cataluña.
 
A forma de propoñer candidatos, a incorporación de candidatos “cuneros” e o tipo de programa determina que se trata de máis do mesmo. Ou sexa unha candidatura socialdemócrata e posibilista. Onde o perfil da esquerda queda diluída. Foron máis importantes os intereses políticos e económicos da condución liquidacionista de Esquerda Unida -para salvarse da creba política e económica- que os intereses da clase traballadora, que dicía representar.
 
Malia esta clara crítica, a este acordo político electoral, é necesario acompañar aos traballadores e traballadoras nesta etapa de ilusión colectiva, que necesitan e requiren algunhas medidas que poñan fin á falta de traballo a tanta corrupción, aos constantes recortes á saúde, a educación pública e á falta de dereitos democráticos. Desde Nova Esquerda Socialista (onde están integrados adscritos de Podemos) darémoslle un apoio crítico e autónomo a esta opción electoral, advertindo que un hipotético goberno de Podemos-PSOE non resolverá os problemas sistémicos. Para iso é necesario a construción dun poder popular desde as bases, organizado unha fronte política e social de Esquerda. As verdadeiras transformacións requiren dun programa anticapitalista e antimonopolista. Por iso consideramos que este posible goberno debe ter un carácter provisional, que abra as portas a un proceso Constituinte, que defina un novo modelo republicano, que garanta o dereito da autodeterminación das nacións.
 
Esta etapa electoral das eleccións xerais, marcará a próxima cita coas urnas en Galicia, onde teremos o deber de demostrar que estamos capacitados para gañar as eleccións e desprazar á dereita do goberno galego. Para iso necesitamos unha reflexión colectiva, para confluír nunha candidatura galega unitaria, sen exclusiones, nin amaños. En clave rupturista e galega, que sexa o inicio dun propio proceso constituinte galego, como se iniciou en Cataluña. Nesta tarefa necesitamos de todos e todas, especialmente do BNG que é unha poderosa forza patriótica. Contamos co mellor candidato a presidente da Xunta, Xosé Manuel Beiras. Agora está en nós e nós demostrar que outra Galicia é posible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.