Por Galicia Confidencial | Idomeni | 24/05/2016 | Actualizada ás 16:00
A Policía grega comezou onte a manobra de desmantelamento do campo de refuxiadas de Idomeni, cunha estratexia preocupante: o corte de todos os suministros de comida, auga e leite que estaban entrando ao campo a través do voluntariado internacional. Ao tempo, e despois de que as forzas de seguridade tomaran a zona 'manu militari' están a expulsar da zona ás máis de 100 voluntarios. É a denuncia que fai Stop Desafiuzamentos, unha de cuxos integrantes, María Díaz, atópase traballando neste campo.
“Están impedindo que se supervise unha preocupante operación disuasoria, onde se volve prioritario restaurar as comunicacións ferroviarias con Macedonia - que atravesan o campo -, antes que garantir unha mínima seguridade para as refuxiadas que xa están a vivir condicións infrahumanas”, denuncia este colectivo.
Segundo as fontes gobernativas para a prensa exterior, estas persoas estarían a ser redirixidas a campos militarizados, polo que lles resulta incomprensible “as reticencias do voluntariado internacional”. Sen embargo, apunta que, “amais de teren intervido sobre o campo con gases lacrimóxenos e outras técnicas bélicas de disuasión”, téñense constatado por parte do voluntariado condicións de vida “deplorables e un estado de perda de liberdade masiva” para as refuxiadas nos campos. “Neles prohíbese expresamente o acceso ao voluntariado internacional, o que é todo unha declaración de principios da vontade de incumprir a lexislación humanitaria básica”, engade.
Ademais, apunta que as familias que non aceptan o seu traslado forzoso a campos militarizados están buscando novos realoxos ao longo do territorio grego, rompéndose as redes e o asentamento previo existentes en Idomeni. “A situación é de soidade e desesperación absoluta. O goberno grego non está a facilitar información clara nin sobre o dereito ao asilo nin tampouco sobre o futuro inmediato destas familias, ás que mesmo están a dividir para o seu transporte non se sabe ben onde”, denuncia.
Dende Stop Desafiuzamentos amosan o seu respaldo total á compañeira María Díaz, destacada en Policastro onda outras voluntarias galegas, “porque a resistencia contra a barbarie, as políticas inhumanas e a loita polo dereito a unha vida digna dáse por riba das fronteiras”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.