Fast solidariedade

Houbo un tempo no que as campañas para esixir a liberdade de presos políticos, ou para tentar corrixir decisións xudiciais inxustas eran lideradas por organizacións que se gañaban o prestixio cun traballo serio de documentación e estudo antes de alzar a súa voz a favor de ninguén. Falo de organizacións como Amnistía Internacional ou Human Righ Watch, por citar dúas sobradamente coñecidas e dunha independencia contrastada. Cada unha das súas accións, cada unha das súas denuncias, cada un dos seus informes, son o resultado de centos de horas de traballo de ducias de persoas, traballo de confrontación de fontes, de verificación de datos. Podemos estar seguros que na inmensa maioría dos casos detrás das campañas lideradas polas organizacións nomeadas, detrás de cada denuncia, detrás de cada acción, hai un home ou unha muller inocentes, perseguidos polas súas ideas, detrás de cada denuncia hai unha decisión inxusta, unha condena arbitraría.

Por Emilio Martinez | Vigo | 25/06/2016

Comparte esta noticia
As veces parece que son tempos pasados.
 
Hoxe estas organizacións están sendo substituídas por diversas plataformas on-line nas que todo vale, nas que non existe, ou si existe é cando menos un traballo chapuceiro, ningún tipo de investigación previa. Ningunha verificación. O todo a cen da solidariedade. Estas plataformas e uns medios de  comunicación aboados á nova estridente, ao titular resultón, teñen popularizado a “fast solidariedade”, a solidariedade a golpe de click, solidariedade respaldada por documentos de 144 caracteres de extensión máxima ou no que algún amiguete compartiu no seu muro do Facebook.
 
Exemplos desa combinación de xornalismo amarelo, para o cal nunca a realidade pode amolar un titular,  e de “fast solidariedade” son as campañas para protestar polas penas impostas a personaxes como Adrián Manuel Muñoz ou Alejandro Fernández. Un e outro exemplo de como a boa vontade das persoas, cando non está informada, é manipulable en extremo.
 
Nun dos casos os titulares xornalísticos, multiplicados por centos de persoas no seu Twitter ou Facebook,  denunciaban que  o mozo en cuestión entraría na cadea polo roubo dunha bicicleta, roubo acontecido uns anos antes, e nun momento no que xa tiña refeito a súa vida. No outro caso o asunto era que a persoa en cuestión entraría na cadea por una estafa que se cuantificaba en 80 euros. A historia a ilustraban con abundantes fotos do prota rodeado dos seus amigos ou dándolle unha aperta aos seus proxenitores, todos eles visiblemente emocionados. Neste último caso 300.000 persoas asinaran un manifesto, divulgado pola páxina  Change.org, pedindo o seu indulto.
 
A realidade, afortunadamente coñecida porque seguen a existir, a pesar de tanto que teñen en contra, xornalistas honestos e xornalismo de calidade, era distinta, moi distinta, as tropelías xudiciais que nos presentaran. Nun dos casos o roubo da bicicleta estivera precedido de condenas por allanamento de morada, e despois por outras varias, no 2014 e no 2015, por conducir sen permiso. No segundo caso a pequena estafa era algo mais: pertenza a unha banda organizada dedicada ao roubo e falsificación de tarxetas de crédito. Non semella que ningún deles mereza unha mobilización popular para esixir do goberno o seu indulto. Son dous casos, recentes, pero súmanse a outros anteriores. Todos cortados polo mesmo patrón: pena de cadea por algo que se valora economicamente nuns poucos euros… e xa temos titular… os tribunais que se ceban en persoas de poucos recursos… seguramente detidos por ter que roubar para poder ter algo que levarse á boca… E de vez en cando salta algún político de poucas luces, e aínda menos coñecementos xudiciais, facendo o coro. Políticos polo xeral pouco interesados en coñecer a realidade, porque non é difícil saber que cando unha persoa entre na cadea por un delito que supoñemos nimio detrás hai, con certeza,  un longo historial de delitos, condenas previas de cadea deixadas en suspenso e que se activan coa reincidencia. Explicado en poucas palabras.
 
Cada un de nos é moi dono de facer coa súa solidariedade o que lle pete, pero sería desexable que, antes de sumar o noso apoio a causas das que non coñecemos case nada, procuráramos buscar algo de información e non facer un click irreflexivo. A comida rápida, a fast food, tamén é coñecida por comida lixo… Non convertamos á solidariedade no mesmo.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.