Por Emilio Martinez | Vigo | 09/08/2016
O paseo polas rúas centenarias, necesariamente lento para quen non estea habituado aos 2.800 metros de altura nos que se sitúa a cidade, deparará innumerables sorpresas, na forma de igrexas, prazas, edificios da época do virreinato, e tamén polas imaxes da vida cotidia máis tradicional que poderemos observar si os nosos pasos nos levan á parte alta das rúas Rocafuerte ou Bolivar.
Visitas obrigadas son o Museo da Cidade ou o Museo do Alabado, no que nos poderemos marabillar coa colección de arte precolombino que alí se conserva. Non deberemos perdernos subir ás torres da Basílica do Voto Nacional, unha inmensa igrexa de estilo neogótico, cunhas vistas extraordinarias da cidade. A Casa Museo de Oswaldo Guayasamin, o pintor ecuatoriano máis recoñecido internacionalmente, sorprenderá a quen non coñeza a súa obra, o mesmo que a monumental Capela do Home, na que se conservar os murais do autor nos seus maiores formatos.
É tamén obrigada a visita a El Panecillo ou ao Parque Itchimbía. Desde un e outro destes lugares desfrutaranse dunhas vistas realmente extraordinarias desta cidade cuxo núcleo urbano estendese por decenas de quilómetros na dirección sur-norte e acolle a máis de dous millóns de habitantes. A visita ao parque é moi recomendable ao caer a tarde, aproveitando para contemplar as vistas da cidade no solpor dende algunha das terrazas dos restaurante ou cafés colindantes co parque. Si despois de tanto paseo, xa na mañá seguinte, o camiñante se sinte con forzas, un teleférico o subirá ata o volcán Pichincha, a 4.100 metros de altura. Os máis aventureiros, e co mellor entrenamento e condicións físicas, poderán, logo dun percorrido de cerca de tres horas, coroar os 4.680 metros do Rucu Pichincha.
Estas son visitas, como dicía, obrigadas. Pero si o viaxeiro ou viaxeira conta con máis días, eu proporíalle acercarse ata o barrio de La Floresta, a uns dous ou tres quilómetros do centro histórico. Non atopará neste barrio monumentos, igrexas ou restos do virreinato. La Floresta esténdese entre a Avenida da Coruña, a Avenida Isabel A Católica e a Avenida de Madrid, unhas poucas rúas, case todas cos nomes das provincias españolas. Dende o centro histórico, e dependendo do tráfico, un taxi cobrará polo traxecto uns 3 dólares como moito. La Floresta é un barrio residencial, no que abundaban as casas baixas. Hoxe todo elo, igual que La Mariscal, outros dos barrios residenciais, está ameazado por un urbanismo especulativo, que substitúe esas vivendas unifamiliares por enormes torres de apartamentos de alto estanding. O barrio tenta sobrevivir co traballo dunhas asociacións de xente nova que están poñendo en marcha proxectos de humanización, devolvéndolle a cor e a vida que un día tivo. Na Floresta abundan os murales, un deles, pintado na verxa metálica que rodea un edificio derruido reza. “Ponte la alas y vuela”. Tal vez o lema destas asociacións que imaxinan a vida doutro xeito. Hoxe en día La Floresta agocha, e cada día máis, unha serie de locais que paga a pena coñecer. Na rúa Mallorca atópase a sede dunha das organizacións sociais máis importantes de Ecuador, O Fondo Ecuatoriano Populorium Progressio, cuia creación foi promovida pola Conferencia Episcopal Ecuatoriana en 1970, e que desenvolve unha labor moi destacable no apoio a cooperativas de crédito, construción de vivendas, formación e capacitación, así como na comercialización de produtos agrarios e artesanías, todo elo por medio dunha serie de empresas sociais, como Protierras, que dende finais dos anos 90 traballa en temas como a legalización de terras, tendo acadado títulos de propiedade para máis de un millón de hectáreas ou Camari, que comercializa panela de produción orgánica. Fronte á sede do FEPP atopamos a tenda El Salinerito, unha das iniciativas de economía solidaria máis exitosa de Ecuador. Estas tendas teñen a súa orixe no movemento cooperativo de Salinas de Guaranda, unha pequena poboación de menos de mil habitantes a 3.500 metros de altura na provincia de Bolivar, impulsado nos anos setenta polo sacerdote salesiano Antonio Polo, e que hoxe é un referente na produción de queixos artesanais e chocolates, ademais doutros produtos agrícolas como as setas, tomates…
Non moi lonxe da rúa Mallorca está a rúa Vizcaya, alí atoparemos o Café Botánica, que é algo máis que un café. Moito máis que un café. No mesmo local no que poderemos saciar a fame cunhas estupendas ensaladas ou “sanduches”, calmar a sede con xugos como o “Milagro”, feito de laranxa, piña, apio e xenxibre, ou o “Brisa”, laranxa, fresa e menta, (o meu preferido) atoparemos os produtos fabricados polo colectivo “Fui Reciclado”, formado por deseñadores que converten botellas, pneumáticos ou lonas de publicidade en bolsas, carteiras, moedeiros, bandexas… E tamén en Botánica poderemos atopar a bisutería producida polo colectivo de mulleres Nadena, tamén de material reciclado igual que as pulseiras e colares da asociación Mujeres Crea. É difícil, o digo por experiencia, non saír do local sen mercar uns brincos ou un moedeiro, que non son meros elementos utilitarios ou decorativos, senón símbolos da loita das mulleres dos barrios marxinais de Quito polo seu espazo persoal, social, económico e político.
Dende Botánica podemos achegarnos ao “Ochoymedio”, que alberga ademais dun café o cine-club con maior historia de Quito. Creado hai 15 anos por un grupo de produtores e directores de cine hoxe en día exhibe cada día dúas ou tres películas da que son difíciles atopar nas carteleiras dos cines comerciais. “Ochoymedio” tamén organiza ciclos temáticos de cine e o colectivo promotor organiza o festival “Bajo Tierra”, unha mostra dedicada ao cine non profesional e de baixo orzamento.
Si antes ou despois da sesión de cine apetece xantar ou cear, a non moita distancia atoparemos o recén aberto “Warmi”, ata hai uns meses ubicado en Guapulo, un restaurante no que polas mañás poderemos atopar uns excelentes almorzos, ao medio día un menú de calidade, e moi ben de prezo, e pola tarde-noite (hai que lembrarse que á hora da cea é polo xeral arredor das oito ou oito e media) unha carta cunha oferta moi saborosa.
Case fora de La Floresta atopamos “El Pobre Diablo”, un club de jazz aberto dende o ano 1990, e que será unha visita que ningún amante da música pode perderse. O local, no que se pode cear, está decorado con cartazes de festivais de música, atendido moi profesionalmente e case todas as noites conta con actuacións en vivo.
Outra visita obrigada, si o paseo polo barrio coincide en venres, é o Mercado da Floresta. Ese día pequenos produtores agrícolas traen os seus produtos sobre todo froita e verduras (algunhas das cales serannos totalmente descoñecidas), que venden a un bo prezo.
E xa case rematando este pequeno paseo eu aconsellaría, a quen sexa amante dos cadernos e libretas, visitar, na rúa Francisco Salazar con José Tamayo, o local da empresa Betero. Creada en 2009, os seus cadernos están ilustrados con debuxos de artistas ecuatorianos como Alberto Montt, Juan Sebastian Aguirre, Roger Ycaza (os meus preferidos), Sofia Acosta ou Belén Mena. Unhas obras de arte, que da pena usar. Son simplemente espectaculares. Por un prezo case similar a eses outros cadernos de produción industrial que todos e todas coñecemos podemos ter algo realmente orixinal, para nós mesmos ou para agasallar.
O meu último consello é que o visitante a La Floresta camiñe paseniño, mire ao seu arredor e descubra por si mesmo todo o que eu non puiden contar nesta breve nota por falta de espazo ou simplemente porque aínda non o descubrín.